O PP acusa á alcaldesa de “non ter proxecto serio para Vilalba” e de "cambiar de idea" sobre la estación de autobuses

O PP de Vilalba cre que “o cambio de idea da alcaldesa socialista sobre as instalacións e terreos da estación de autobuses evidencian que non ten proxecto serio para o municipio”.
Os populares poñen en evidencia “o repentino cambio de parecer” sobre este inmoble toda vez que Marta Rouco viña reclamando a recuperación da estación de autobuses e agora propón destinar eses terreos a vivenda pública.
En outubro do 2025 a alcaldesa reclamaba a recuperación da estación e, máis recentemente, no Pleno do Concello de maio deste ano, o PSOE lograba aprobar -co apoio de Vilalba Aberta e o BNG- unha moción para fixar o posicionamento de manter a estación de autobuses. Pero uns meses despois a propia alcaldesa lanza unha proposta ao Goberno galego sobre o uso de instalacións e terreos que son de titularidade do Concello rodeada de cargos do PSOE no que “parece unha acción de oportunismo político”.
Os concelleiros do Partido Popular condenan que “a alcaldesa socialista centre a súa actividade en intentar facer oposición á Xunta de Galicia en lugar de ocuparse dos asuntos da súa competencia e atender as necesidades do día a día dos vilalbeses”.
Concretamente en relación á estación de autobuses, explican que ante a proposta da Administración autonómica de habilitar en Vilalba unha nova parada máis adecuada ao actual uso por parte dos viaxeiros en substitución da estación de autobuses que se podería dirixir a outros usos, “a propia alcaldesa propuxo a ubicación dun refuxio enfronte da estación en terreos municipais”. E, aínda así, “negou o permiso do Concello para a instalación dese espazo cuberto”. É dicir, “unha contradición máis”. Polo tanto, pídenlle que “deixe traballar ao Goberno galego” e que “non poña continuamente paus nas rodas”.
Dende a formación popular tamén consideran “curioso” que “Marta Rouco amose a súa preocupación pola estación de autobuses despois de impedir que se dea calquera paso, pero que non amose a mesma preocupación polo estado do Museo da Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba (MUPAV) que é algo único na provincia e que o goberno local socialista mantén pechado e abandonado”.
Os populares tamén denuncian “a dobre vara de medir da alcaldesa socialista” á vista de que “non lle reclama publicamente ao Goberno de España, da súa mesma cor política, por ter abandonado un edificio da súa titularidade en pleno casco urbano de Vilalba como é a Casa Sindical, na que chove dentro”.