O PP acusa a Carmela López de acudir ao Parlamento para confrontar coa Xunta e non ofrecer solucións

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Antonio Ameijide asegura que a presidenta da Deputación seguiu o "manual de Tomé" e critica que non negociase co grupo maioritario da corporación as contas para o próximo ano
Antonio-Ameijide
3 Nov 2026

O Grupo Provincial Popular da Deputación de Lugo considera que as liñas básicas do proxecto de orzamentos presentado pola presidenta, Carmela López, non achegan cambios respecto ás contas dos anteriores gobernos e non ofrecen respostas aos principais problemas da provincia. O voceiro do PP, Antonio Ameijide, reprochoulle que acudise este luns ao Parlamento de Galicia para confrontar coa Xunta, en lugar de presentar medidas concretas para impulsar o desenvolvemento dos municipios lucenses.

Ameijide afirmou que a presidenta "seguiu, unha vez máis, o manual de Tomé" e comparou a súa intervención coa do anterior responsable da institución provincial. Segundo o popular, ambos acudiron ao Parlamento para atacar o Goberno galego sen achegar solucións aos problemas da cidadanía.

O voceiro do PP cuestionou tamén que Carmela López non fixese referencia aos compromisos pendentes do Goberno de Pedro Sánchez coa provincia, entre os que citou as autovías, a conexión de alta velocidade, a mellora das frecuencias ferroviarias e a conexión á rede eléctrica necesaria para facilitar a implantación de novos proxectos empresariais.

En relación coas contas provinciais, Ameijide sostén que o incremento do orzamento para o próximo exercicio non responde a unha mellora da xestión, senón ao aumento dos ingresos procedentes do Estado, que atribúe á maior recadación de impostos. Ademais, considera que o Plan Deputación perde peso dentro das contas: mentres o orzamento global aumenta en máis de 20 millóns de euros, un 16 %, este programa medra apenas un 12 %.

Para o voceiro popular, esta evolución demostra que PSOE e BNG están a reducir progresivamente a importancia do Plan Deputación, unha ferramenta que considera fundamental para colaborar cos concellos e atender as necesidades dos municipios.

Ameijide tamén criticou que a presidenta provincial se negase a reunirse co grupo maioritario da corporación para abordar o proxecto orzamentario e que, segundo denunciou, non tivese en conta as propostas presentadas polos deputados populares.

As propostas do PP para os orzamentos

O documento rexistrado polo Grupo Provincial Popular inclúe varias medidas que, segundo a formación, deberían incorporarse ás contas do próximo ano. Entre elas figura o incremento de 10 millóns de euros no Plan Deputación, co obxectivo de repartir máis recursos entre todos os concellos «de forma igualitaria, sen sectarismos», e permitir unha maior flexibilidade para destinar os fondos tamén a gastos correntes.

Os populares propoñen igualmente crear unha unidade específica de asesoramento para a tramitación e xestión de fondos europeos, así como reforzar a colaboración cos municipios en cuestións relacionadas co ciclo da auga e coa recollida de animais abandonados.

Outra das medidas expostas é aumentar en 10 millóns de euros os investimentos destinados ao mantemento da rede viaria provincial. O PP reclama un plan que priorice os puntos máis perigosos, renove os firmes, mellore as plataformas das estradas e reforce a sinalización, o desbroce e a poda.

No ámbito patrimonial e turístico, a formación pide conservar e poñer en valor os inmobles da Deputación, como a Casa Benedicto, en Navia de Suarna, e impulsar os clubs náuticos e o complexo turístico de Augamestas. Tamén defende crear e manter zonas verdes, áreas fluviais e espazos de baño en colaboración cos concellos.

En materia social, os populares reclaman abrir os centros de atención a maiores comprometidos que continúan pendentes, como o de Becerreá, e poñer en funcionamento as residencias en construción da Pobra do Brollón, A Pontenova e Guitiriz, ademais de abrir os centros de día previstos na rede provincial.

As propostas inclúen tamén rematar os polígonos industriais comprometidos para facilitar a chegada de novas empresas, axilizar as axudas aos sectores estratéxicos —como a gandería, a pesca, a cultura e o deporte— e reservar fondos para mellorar e ampliar as instalacións de titularidade provincial.

Por último, o PP aposta pola elaboración dun novo Plan Estratéxico de Turismo para a provincia, co propósito de reducir a estacionalidade, diversificar a oferta e reforzar a promoción de Lugo nos ámbitos autonómico, estatal e internacional.

0.15661811828613