O PP acusa ao alcalde de Muras de neglixencia ao non ter seguro para as festas patronais
O Grupo Municipal do Partido Popular advirte dunha “neglixencia bastante importante” por parte do alcalde de Muras ao non dispoñer de contrato nin seguros para as festas patronais de San Pedro da capitalidade municipal.
Os populares, dentro das súas tarefas de fiscalización ao goberno local, tiñan solicitado acceso ao expediente das festas patronais e tras comprobar que non existía contrato; a portavoz, Eugenia Requeijo, pediu explicacións no pleno do pasado mércores ao alcalde que se limitou a dicir -só dous días antes da celebración das festas- que “non existía contrato, pero que existiría”.
O alcalde non só “non compartiu as festas cos veciños”, senón que demostrou unha “total irresponsabilidade” por non adoptar medidas de seguridade na zona do campo da festa cando se prevía a visita de moita xente nin ter a documentación en regra como poden ser contratos e seguros. “Se chega a pasar unha desgraza, tería que ser o Concello co diñeiro de todos o que se fixera cargo porque o alcalde non fixo previamente o seu traballo”.
“Por sorte non pasou nada grave, pero si que caeu unha persoa ao río pola zona do paseo que coincide coa entrada á área recreativa onde se celebrou a festa e onde non hai ningún sistema de protección -nin fixo nin provisional- dende que un coche o levou por diante”, explica Eugenia Requeijo. A popular lembra que “xa pediramos no pleno de febreiro do 2023 a instalación de forma provisional de vallas ou unha cinta de advertencia do perigo, pero nin se colocou nada para advertir nin se repuxo o sistema existente nin se colocou outro novo”.
Eugenia Requeijo afea a diferencia de trato destas festas con respecto a outras. Para a celebración da Romaxe Artesá da Chaira “si se instalou unha valla de madeira no lugar para tratar de evitar situacións de risco para veciños e visitantes”. Así mesmo, engade que “tampouco se instalaron baños nin se abriron ao público os xa existentes”.
Ademais, “a carpa do Concello instálase nos campos das parroquias para as distintas festas, pero esta fin de semana das patronais de Muras cunha previsión de inestabilidade do tempo non estaba instalada na área recreativa da Veiga; senón noutro Concello gobernado polo BNG. Dende o PP de Muras non estamos en contra de que se preste porque a colaboración con todos sempre é positiva, pero non podemos entender que o Concello dispoña dun servizo e non o use en beneficio dos nosos veciños e veciñas que tivemos que estar á intemperie”.
Os populares subliñan que “ao alcalde non lle interesan as festas do pobo, só lle interesa cobrar o seu soldo e facer o mínimo das cousas básicas, aínda que entre elas non está velar pola seguridade dos nosos veciños e veciñas”.