O PP acusa ao PSOE de "mirar para outro lado" tras reabrirse o caso do voceiro de Cospeito por violencia de xénero

O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, denunciou o que cualificou como “unha estratexia de ocultación, desidia e amparo do PSOE” para tapar investigacións a cargos do propio partido por presuntos delitos de violencia de xénero e acoso sexual.
Amejide sinala que este comportamento por parte do PSOE da provincia de Lugo supón unha “traizón” ás mulleres e unha mostra de “complicidade totalmente inadmisible”.
Antonio Ameijide realizou estas declaracións tras coñecer que o voceiro do PSOE en Cospeito deuse de baixa no partido “por iniciativa propia” tras coñecerse que a Audiencia Provincial reabriu a investigación contra el por unha presunta agresión contra a súa ex parella. “Unha vez máis, o PSOE lonxe de apartar de inmediato a esta persoa de todo cargo público, optaron polo pasotismo máis absoluto e por mirar para outro lado”, sinalou.
"En roldas de prensa, nos plenos ou nos mitins din ser os maiores defensores das mulleres e do feminismo, pero á hora da verdade, cando o presunto agresor ten o carné do PSOE, a prioridade do socialismo é tapar o escándalo e protexer ao presunto acosador antes que á vítima”, afirmou.
Un modus operandi que non é un feito illado, senón un patrón no socialismo da provincia de Lugo, recordando o caso do expresidente da Deputación e alcalde de Monforte, José Tomé, que segue exercendo as súas funcións na alcaldía, amparado polo PSOE, malia estar acusado de presunto acoso sexual e estar iniciadas xa as investigacións xudiciais.
Cómpre recorda que José Tomé foi denunciado por ofrecer, presuntamente, postos de traballo na administración pública a cambio de favores sexuais.
Antonio Ameijdie recorda como tanto a secretaria de organización na provinicia, Pilar García Porto, como a secretaria autonómica, Lara Méndez, “gardaron silencia durante meses ata que o caso saíu á luz pública”.
“Queda claro que no PSOE de Lugo son incapaces de esixir responsabilidades, en cambio, gardar silencio ante a posible existencia duns feitos moi graves o fan moi ben”, sinalou.
Finalmente, Ameijide encadrou esta situación dentro da “degradación ética e a vergoña” que tamén define ao actual Goberno de Pedro Sánchez a nivel nacional. “Un executivo cercado pola corrupción máis asquerosa, cuxas supostas ramificacións e complicidades chegan dende a Moncloa, pasando polas viaxes de Zapatero, ata os concellos e institucións da provincia de Lugo”, sentenciou.