O PP afea a Marta Rouco a "mala xestión" dos efectivos da Policía Local

TerraChaXa
Os populares condenan a decisión da alcaldesa de optar por un procedemento con medios propios para cubrir as prazas vacantes "tendo a opción de realizar o proceso a custo cero a través da Xunta"
Policia_Local_Ourense
27 Aug 2026

O PP lamenta que “pola falta de previsión da alcaldesa de Vilalba, o Concello teña que recorrer a efectivos da Policía Local dos Concellos de Burela e As Pontes durante as patronais”.

Ante a falta de efectivos no municipio, os populares teñen advertido que “o Concello de Vilalba tardará en cubrir as prazas vacantes da Policía Local” debido á decisión da alcaldesa de sacar a concurso novas prazas para o servizo de Policía Local con medios propios do Concello gastando os recursos dos vilalbeses nun procedemento máis lento en lugar de “recorrer, coma o resto dos Concellos, a Axencia Galega de Seguridade Pública (AGASP) dependente da Xunta a custe cero para Vilalba e cun procedemento máis rápido”.

Os concelleiros do Partido Popular advirten que “outra das consecuencias, despois da perda da quenda nocturna e da ausencia de servizo durante varias quendas polo día, é que durante estas festas de San Ramón e Santa María o Concello terá que pagar as horas extras dos efectivos que teñen que vir doutros Concellos”. É dicir, “o capricho da alcaldesa de realizar directamente cos medios do Concello o procedemento de selección de efectivos para a Policía Local sae moi caro aos vilalbeses”.

Os populares teñen advertido da necesidade de reforzar o cadro de persoal da Policía Local e lamentan “a falta de previsión en tempo e forma” do goberno local de PSOE e Vilalba Aberta. De feito, consideran que “non se debería ter chegado a esta situación obrigando a outros Concellos a prestar efectivos e aumentando o gasto en horas extras”.

Así mesmo, aseguran que “non entendemos que Marta Rouco prefira gastar recursos públicos e deixar pasar un ano cando existía a posibilidade de realizar o proceso a custo cero a través da Xunta de Galicia”.

Dende o PP de Vilalba inciden en que se trata “dun servizo municipal esencial” en materia de seguridade cidadá e apuntan que “o Concello debe garantir o servizo de Policía Local”, conclúen.

0.14764499664307