O PP afirma que o Goberno pretende "facer caixa" a través do "tarifazo" da Confederación Hidrográfica

TerraChaXa | SarriaXa | RibeiraSacraXa
O PP leva este asunto ao Senado e ao Congreso dos Deputados para esixir ao Goberno que aclare cantos convenios están afectados na provincia de Lugo e que cantidades xa reclamou ou prevé reclamar
pp-provincia-de-lugo
20 Aug 2026

O Partido Popular denuncia que o Goberno de España pretende cargar agora sobre os concellos da provincia de Lugo unha nova factura por actuacións hidráulicas de saneamento e abastecemento executadas ao abeiro de convenios nos que, segundo advirten, non estaba prevista esta obriga económica.

A deputada popular Cristina Abades e o senador José Manuel Balseiro consideran “especialmente grave” que os municipios aceptasen e executasen estas actuacións baixo unhas condicións económicas determinadas e que, anos despois, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil pretenda impoñerlles un tarifazo que nunca figurou nos convenios asinados.

“O Goberno non pode acordar unhas obras cunhas condicións e, cando xa están feitas, inventar unha nova factura e obrigar aos concellos a pagala. Iso non é cooperación institucional: é facer caixa a costa dos municipios”, denuncian os populares.

Desde o PP censuran que actuacións destinadas a mellorar servizos públicos esenciais como o abastecemento e o saneamento estean sendo utilizadas polo Goberno como un mecanismo recadador. “As Confederacións Hidrográficas están para colaborar cos concellos e solucionar problemas, non para converter os municipios nunha fonte de ingresos nin para reclamarlles anos despois cantidades que nunca estiveron sobre a mesa”.

Abades e Balseiro advirten, ademais, de que estas liquidacións poden detraer recursos das arcas municipais que deberían destinarse a servizos, investimentos e necesidades dos veciños. “Cada euro que o Goberno queira sacar agora aos Concellos mediante este tarifazo é un euro que deixa de estar dispoñible para os cidadáns”.

Para analizar a situación cos municipios directamente afectados, Cristina Abades e José Manuel Balseiro mantiveron unha reunión cos alcaldes de Baralla e Folgoso do Courel, na que abordaron as liquidacións reclamadas pola Confederación Hidrográfica e as actuacións que se impulsarán para defender os intereses municipais.

Paralelamente, o PP levou este asunto ao Senado e ao Congreso dos Deputados para esixir ao Goberno que aclare cantos convenios están afectados na provincia de Lugo, que cantidades xa reclamou ou prevé reclamar, que porcentaxe dos investimentos pretende repercutir sobre cada municipio, como calcula esas exaccións e, especialmente, se os convenios asinados advertían expresamente aos Concellos de que terían que asumir posteriormente estes pagamentos.

“Queremos saber canto pretende cobrar o Goberno, a que Concellos, por que obras e con que fundamento. O que non imos aceptar é que se cambien as condicións unha vez executadas as actuacións e que se pretenda facer negocio cos concellos mediante unha factura que nunca pactaron”, conclúen Abades e Balseiro.

A Confederación Hidrográfica pasa unha liquidación ao Concello de Baralla neste ano 2026 de preto de 4.700 euros en concepto de Tarifa pola Utilización da Auga polas obras hidráulicas do proxecto de construción dun azud desmontable no río Neira. O convenio entre ambas administracións fora asinado no ano 2020 e recollía que a Confederación financiaría o 80% das actuacións e o Concello, o 20% restante que foi liquidado fai tempo. Daquela non incluía ningunha obrigatoriedade de pagar esta taxa.

En Folgoso do Courel, a Confederación Hidrográfica pretende aplicar ao Concello a Tarifa pola Utilización da Auga ás obras de saneamento do núcleo de Sobredo financiadas ao 100% polo organismo de conca; pese a que nin cando se asinou o convenio -no ano 2018- nin cando se executaron as obras estaba prevista esa carga económica.

O propio Concello alegou contra esta imposición indicando que, de terse coñecido daquela esta obriga, o convenio non se tería asinado nin as obras se terían executado, e denuncia que agora se pretenda impoñer unha tarifa periódica durante 25 anos sobre unha actuación xa realizada. Para 2026, o Goberno xa aprobou unha contía de preto de 4.500 euros en relación a esta obra.

0.11696219444275