O PP aposta pola Formación Dual e un novo ciclo superior en Vilalba

TerraChaXa
O PP aposta pola Formación Dual e a implantación do ciclo superior de mecatrónica industrial en Vilalba no IES Peña Novo
Roman Rodriguez e Sandra Vazquez en Vilalba
Roman Rodriguez e Sandra Vazquez en Vilalba
19 Maio 2023

A candidata do PP de Vilalba, Sandra Vázquez, apoia a solicitude do IES Lois Peña Novo para a implantación do Ciclo Superior de Mecatrónica Industrial e así llo trasladou ao responsable autonómico de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, durante a súa visita á capital chairega.

A alcaldable popular aposta por ofrecer formación especializada en sectores con potencial e demanda de traballadores cualificados porque “isto permite introducir aos mozos e mozas no mercado laboral con garantías e, ao mesmo tempo, dotar ás empresas do persoal necesario que lles permita, de ser o caso, medrar e expandirse”. Nese sentido, defende a modalidade de FP Dual que alterna a formación teórica coa formación práctica nas propias empresas do sector correspondente.

Vázquez recoñece “o traballo do profesorado e da dirección do instituto vilalbés” e, ademais, subliña “a demanda existente na zona de Vilalba” no ámbito da montaxe e mantemento de instalacións de maquinaria, equipamento industrial ou liñas automatizadas. Polo tanto, agarda que “a implantación desta nova modalidade formativa no IES Lois Peña Novo sexa unha realidade para o vindeiro curso académico”.

OPORTUNIDADES DE FUTURO

O Partido Popular centra a súa campaña en trasladar persoa a persoa o seu proxecto de futuro para Vilalba. A candidatura que encabeza Sandra Vázquez ofrece un proxecto serio e con vontade de traballo para facer medrar Vilalba en servizos e oportunidades. A súa proposta baséase na atención ás persoas e na escoita aos veciños de tódalas parroquias e defende o desenvolvemento económico e social do municipio coa colaboración do Concello.

“A oferta de formación especializada é un exemplo das propostas do noso proxecto” que, ademais, recolle varios dos nosos obxectivos: promover oficios e ocupacións vencelladas ás oportunidades do mercado laboral que permitan aos nosos mozos e mozas atopar traballo no seu propio municipio, mellorar a competitividade das nosas empresas para crear un tecido empresarial forte e tamén atraer a Vilalba persoas interesadas na formación ofertada de forma que contribúan a dinamizar a actividade social e económica da vila que debe ser un referente para os concellos da zona como cabeceira de comarca.

OUTRAS PROPOSTAS

O programa electoral dos populares tamén recolle outras propostas en materia de educación e lecer coma o desenvolvemento de talleres educativos en colaboración cos centros de ensino; a creación de axudas directas ás ANPAS, familias e centros; ampliar a franxa horaria dos campamentos de verán; promover o lecer para persoas con diversidade funcional e instalar un parque multiaventuras na área recreativa da Madalena.

0.17600512504578