O PP celebra que os Orzamentos de 2018 da Xunta recollen “o sentir dos lucenses”
Os deputados autonómicos, Encarna Amigo e Jaime Castiñeira, unha vez coñecido o documento de Orzamentos da Xunta para 2018, destacan que este contempla “os grandes compromisos” de Feijóo con esta provincia, así como as principais demandas dos lucenses. E é que, grazas a este esforzo da administración autonómica, a provincia sitúase “no primeiro posto” en inversións do Goberno galego; o que supón, remarcan os populares, que o PP destine a cada lucense preto de 4.000 euros.
Con estas contas, “que recollen o sentir dos lucenses, gañamos en servizos e espazos públicos”, ao tempo que se demostra que esta Xunta non só non esquece a Lugo, senón que é a única administración de Galicia que verdadeiramente garante estabilidade e consolida a recuperación económica”, defenden.
Neste senso, agradecen ao Executivo “a implicación con Lugo e a provincia”, pois constátase que, “son uns presupostos cumpribles e que son o resultado dunha rigorosa xestión”. “Con Feijóo os ditos, son feitos”, remarcan.
Proba delo é que existen partidas para os “grandes proxectos”, que están a ser liderados pola administración. É o caso do novo barrio da residencia en Lugo, que dispón de partidas dirixidas á creación do primeiro centro integral de saúde de Galicia (200.054 €) e da Oficina de emprego e formación (250.000 €). No ámbito sanitario, o Goberno galego tamén fai “unha aposta extraordinaria” ao incluír 587.000 euros para Laboratorio de Saúde Pública de Galicia, con sede na capital lucense.
Mellora das infraestruturas e innovación
De forma contundente, os populares reflexionan sobre o investimento que o Executivo galego realiza tamén na mellora das infraestruturas e no impulso dos grandes eixos de comunicación, como son o desdobramento do corredor Nadela-Sarria (250.000€), o Plan Paradai (450.000€), o acondicionamento LU-651 en Folgoso do Courel (250.000€) e o proxecto de mellora da LU-231 Begonte-Friol-Palas (620.000 euros).
Asemade, valoran positivamente que, no ámbito da innovación, investigación e novas tecnoloxías, a partida máis relevante, desde o punto económico, sexan os 9,2M€ para o desenvolvemento do polo de avións non tripulados de Rozas.
Outros investimentos que destacan os deputados son os máis de 2 millóns de euros para solo industrial, os 607.000 euros para a rehabilitación de vivendas en Becerreá e outros 500.000 en Lugo, así como 92.000 euros para a estación de autobuses de Vilalba.
A Xunta coa Educación e a Cultura
Para os deputados lucenses cobra importancia tamén que a Xunta continúe modernizando os centros educativos da provincia e impulsando a calidade do ensino público, con obras de ampliación do CEIP Laverde Ruíz (Outeiro de Rei) -500.000€- e de construción do novo CEIP Sagrado Corazón, -tamén 500.000 €.
En materia de Cultura, destacan os 3,8 millóns para equipar o auditorio de Lugo, segundo o compromiso adquirido tras aceptar o Concello a proposta que, de xeito construtivo, ofreceu o presidente para desbloquear a situación actual e dotar máis pronto que tarde a Lugo dunha instalación cultural de primeira orde, propia dunha capital da provincia, e a reserva de 208.938 euros para obras e proxectos de conservación, restauración e protección de bens culturais na provincia, con especial intensidade pensando na Muralla lucense.
Notable esforzo inversor en obras hidráulicas
Outra das partidas máis destacadas e nas que a Xunta realiza un notable esforzo inversor é a dirixida á mellora das infraestruturas hidráulicas con achegas previstas para o abastecemento en Baamonde (Begonte) 26.800 €, para a captación e rede de distribución nas parroquias de Cortés e San Juan de Loio (Paradela) 350.000 €, para os abastecementos de Prado (Friol) 200.000 €, Outeiro de Rei 100.000€, Castro de Rei 100.000€ e Cospeito 100.000€.
Orzamentos máis sociais
Asemade, indican que son un Orzamentos “máis sociais”, como así o demostran as achegas previstas para o convenio Alcer Lugo (733.379 €), o para o plan Drogodependencias Cruz Vermella Lugo (561.273 €).
Dentro da relación de partidas xenéricas, subraian a dotación para o novo centro de maiores de Baleira e de Lugo.