O PP de Guitiriz denuncia que aínda non se aclarou a data de apertura da residencia de maiores

Os deputados do Grupo Provincial Popular denuncian os atrasos acumulados na construción da futura residencia de maiores de Guitiriz e critican que, malia a sinatura dun novo convenio de colaboración entre a Deputación de Lugo e o Concello para rematar as obras na Casa da Botica, os veciños continúen sen coñecer a data na que poderá abrir as súas portas este servizo, que contará con 46 prazas residenciais.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, considera que este novo acordo, cun investimento de 3,2M€, dos que a Deputación achega máis do 96% dos fondos, “non pode ocultar a gran demora que acumula o proxecto nin a falta de certezas sobre a súa posta en funcionamento”.
Os traballos foron encomendados á empresa pública Tragsa, pero este anuncio non resolve a principal preocupación dos veciños: cando estará dispoñible a residencia.
Ameijide lembra que dende o Grupo Provincial Popular “levamos moitos meses denunciando a paralización e os incumprimentos que afectan a esta infraestrutura” e “en numerosas ocasións alertamos da ausencia de actividade nas instalacións, da falta de prazos para retomar os traballos e da incerteza sobre o financiamento necesario para o equipamento do centro”.
Ademais, Ameijide advirte de que, malia estar xa concedida a prórroga da licenza municipal, continúan pendentes trámites necesarios para avanzar na execución dos traballos, entre eles a aprobación do plan de seguridade e saúde, a apertura do centro de traballo e a sinatura da acta de reformulo previo.
“Non abonda con anunciar investimentos nin con formalizar novos convenios. É necesario que exista unha planificación clara, que se resolvan os trámites pendentes e que se dea aos veciños unha data concreta”, sentenciou.