O PP de Meira culpa ao equipo de Goberno do retraso das obras do centro de saúde

TerraChaXa
Afirma que aínda non levaron a pleno a modificación da porcentaxe de ocupación da edificación sobre parcela
centro-de-saude-meira
Centro de saúde de Meira
8 Jun 2024

O PP de Meira condena que “o alcalde e o goberno local atrasen as inversións que fai a Xunta no municipio” e, máis aínda, tratándose da mellora das instalacións sanitarias. O portavoz, Óscar Fernández, subliña que “está a prexudicar aos veciños de Meira e tamén aos dos concellos da comarca que acoden ao PAC de Meira”.

O popular esíxelle responsabilidades ao goberno municipal xa que “a Xunta está a esperar que o Concello aprobe unha modificación urbanística para licitar as obras de reforma e ampliación do centro de saúde”.

O contrato de redacción do proxecto e dirección de obra foi formalizado o 17 de febreiro de 2023 e ao mes seguinte, durante o desenvolvemento do proxecto, comunicouse ao Concello de Meira a necesidade de modificar algún parámetro urbanístico da parcela -a porcentaxe de ocupación sobre a parcela de edificación- mediante modificación puntual do PXOM. “Pero o Concello aínda non levou ao Pleno a aprobación do trámite requirido”, aclara o portavoz popular.

Óscar Fernández agarda que “o goberno local cumpra coa súa parte” toda vez que é “coñecedor da intención do Goberno galego por levar a cabo esta obra, como mínimo, dende marzo do 2021 cando o Executivo autonómico lle propuxo a sinatura dun convenio de colaboración” e da “necesidade de modificar puntualmente o PXOM dende fai máis dun ano”.

ACTUACIÓN DO PLAN DE INFRAESTRUTURAS DE ATENCIÓN PRIMARIA

O investimento previsto pola administración autonómica para acometer esta obra é de 2,5 M€ para adaptar o centro de saúde aos requirimentos asistenciais do modelo de atención primaria ao que quere dirixirse a Xunta.

A actuación, incluída no Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, recolle a ampliación de espazos cunha nova consulta de enfermería pediátrica, unha sala polivalente e unha de técnicas, entre outras dependencias. E o PAC tamén se ampliará cun box de críticos e co incremento de habitacións de descanso e dun espazo para albergar o equipo de ambulancia do 061.

0.16141700744629