O PP de Meira esixe explicacións ao alcalde polo segundo rescate da Deputación no actual mandato

Os concelleiros do PP de Meira esixen explicacións ao alcalde a raíz do convenio asinado coa Deputación de Lugo para que o Concello poida facer fronte a facturas do día a día municipal por importe de 150.000 euros.
O voceiro do PP de Meira, Óscar Fernández, reclama ao alcalde explicacións públicas sobre o feito de que «o Concello de Meira tivese que ser rescatado pola Deputación de Lugo por segunda vez no presente mandato». Lembra que a finais de 2025 o rexedor xa solicitara a colaboración da institución provincial para poder facer fronte a facturas pendentes.
Fernández considera que este segundo convenio «evidencia que o alcalde non ten unha política económica ben plantexada» e sostén que, de existir unha planificación adecuada, os recursos municipais deberían permitir afrontar previamente este tipo de gastos.
A achega da Deputación, por importe de 150.000 euros, permitirá facer fronte a diferentes gastos ordinarios do Concello. Entre eles figuran 5.100 euros en electricidade, 8.200 euros en comunicacións, telefonía e publicidade, 5.200 euros en materiais de mantemento e funcionamento e 7.800 euros destinados a servizos de mantemento, reparación, alugueiro e subministración.
Tamén se inclúen 2.500 euros para actividades culturais, turísticas e deportivas, 98.431,42 euros para o servizo de axuda no fogar, 4.494 euros para combustible e 18.274,58 euros para xestión de residuos, seguro de camión, lixo e subministración.
O voceiro popular considera que se trata de gastos previsibles e habituais do funcionamento municipal e afirma que deberían contar cunha previsión económica previa. Neste sentido, Fernández cualifica a situación como «un fin de ciclo» e defende a necesidade dun cambio na alcaldía.
Finalmente, o PP de Meira aclara que non cuestiona a colaboración económica doutras administracións co municipio, senón o destino destes fondos. Fernández reclama que as achegas supramunicipais se empreguen en proxectos e actuacións que permitan mellorar o municipio e a calidade de vida da veciñanza, e non, segundo afirma, para facer fronte ás consecuencias da xestión económica municipal.