O PP de Meira lamenta que o Concello non solicitase a axuda para contratar un axente de emprego
O Grupo Municipal do PP de Meira lamenta “a falta de implicación do goberno local coa dinamización empresarial do municipio”. Así o manifestan ao coñecer que “o Concello de Meira non disporá dun axente de emprego porque o goberno local non solicitou esa axuda á Xunta”.
O voceiro, Carlos Veiga, considera “incrible” que “Meira perda servizos e axudas pola falta de xestión do goberno local” porque “agora perdemos ao axente de emprego que ata o de agora compartiamos cos Concellos de Riotorto e Ribeira de Piquín” para colaborar na implantación das políticas activas de emprego relacionadas coa creación de actividade empresarial.
“O Concello de Meira perde outra axuda da Xunta dirixida á creación de emprego”, segundo manifesta o popular ao lembrar que “tampouco solicitou ningún obradoiro de emprego dende que goberna o PSOE”.
Veiga explica, por outra banda, que “Meira dispón dunha orientadora laboral dirixida á atención aos desempregados”, pero lamenta que “só vén ao Concello de Meira unha vez cada quince días”. É por iso polo que o Grupo Municipal Popular xa lle ten pedido ao goberno local que “faga as xestións oportunas para ampliar o horario de atención en Meira”.
É que para os populares “precisamente debido á crise da covid-19, o tema laboral debe ser dos máis importantes, xunto aos servizos sociais”. Polo tanto, “as administracións, como está a facer a Xunta, deberían poñer recursos e aplicar políticas para xerar emprego, desenvolver proxectos e novas oportunidades laborais”.
Veiga non pode entender esa desidia do rexedor en relación á dinamización económica de Meira tendo en conta que “o noso pobo é a vila de referencia para moitos veciños non só de Meira; senón tamén de concellos veciños. Ten, polo tanto, moito potencial para medrar, desenvolver novas actividades económicas e, en definitiva, asentar servizos e poboación”.
Ampliación do polígono
A este respecto, lembra o popular que “a Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas xa se comprometeu a desenvolver unha nova ampliación do polígono industrial, unha vez estea executada a que está prevista cun orzamento de 515.000 euros que a Xunta contempla nos seus orzamentos deste 2022”.