O PP de Muras pide ao alcalde que "de un paso ao lado" despois de 12 anos "sen un proxecto importante"

O PP de Muras cre que “o proxecto do alcalde nacionalista está esgotado” e que Manuel Requeijo “debería dar un paso ao lado” toda vez que “en 12 anos non logrou ningún proxecto importante para Muras, está a gastar o diñeiro de todos en xuízos contra algúns veciños e veciñas que está a perder o Concello e nin sequera garante servizos básicos de competencia municipal como é o abastecemento de auga ou o arranxo das pistas”.
A portavoz popular, Eugenia Requeijo, cre que “o máis responsable que pode facer o alcalde polos veciños e veciñas de Muras é apartarse da alcaldía” porque “non só non ofrece servizos aos veciños e mantén as estradas abandonadas, senón que gasta o diñeiro do Concello en procedementos xudiciais”.
De feito, o rexedor acumula reveses xudiciais en casos nos que o alcalde actúa contra os propios veciños e veciñas de Muras. Algúns exemplos son as sentenzas desfavorables para o Concello en casos de empregados municipais que reclamaron os seus dereitos; nalgúns casos, por despidos por motivos políticos.
A Xustiza tamén fallou en contra do alcalde e deulle a razón aos representantes do Grupo Municipal Popular por unha votación irregular nun Pleno sobre unha proposta en relación á xestión do lobo. E, máis recentemente, o xulgado avalaba a ANPA do colexio de Muras á que o Concello lle reclamaba a devolución de 24.000 euros en axudas concedidas entre o 2021 e o 2023.
A popular cre que “o alcalde debería dedicarse a xestión e prestar os servizos que veciños e veciñas necesitan e merecen, en lugar de levalos ao Xulgado co diñeiro de todos e todas”.
Algúns exemplos son o abastecemento de auga: “o alcalde non está a garantir o subministro aos veciños e veciñas que se están quedando sen auga nos seus propios pozos” e “tampouco corrixe as fugas de auga das que xa advertimos dende o Partido Popular nos plenos do Concello”.
Eugenia Requeijo tamén condena a xestión das obras nas estradas municipais: “nos Plenos di unha cousa, pero non a cumpre. Calquera veciño e veciña pode comprobar como non se completan os arranxos das pistas municipais que el mesmo anunciou” como, por exemplo, a da Terroeira, Carelle, Navallo de Arriba, As Penas, etc.
A portavoz municipal lembra que foi admitida a trámite a denuncia presentada polo Partido Popular de Muras por presunta prevaricación administrativa por parte do alcalde tras detectar pagos reiterados a gabinetes xurídicos vinculados ao BNG por cantidades por enriba do límite establecido para os contratos menores e sen someter o servizo a un procedemento de contratación pública como esixe a lei e como lle advertía o servizo de Intervención.
Dende o ano 2015, data dende a que é alcalde, os pagos suman máis de 380.000 euros a empresas amigas do BNG. “É un gasto altísimo para un concello coma o noso”, segundo considera a popular que cuestiona a xestión do alcalde á fronte do Concello de Muras.
A portavoz popular asegura que “Muras necesita un cambio e ese cambio pasa polo Partido Popular, igual que o cambio que precisa España para o que traballaremos para que o 29-N sexa presidente Feijóo e faga que España volva funcionar, como se fará en Muras en maio do 2027”.