O PP de Pol aposta por potenciar o sector gandeiro e forestal

Pol
TerraChaXa | LugoXa
O PP de Pol aposta por potenciar o sector gandeiro e forestal “estando ao seu carón para aportar solucións ás súas necesidades”
Jose Gonzalez visita explotacion lactea Pol
16 May 2023

A candidata popular á Alcaldía, Nicole Grueira, ten moi clara “a importancia do sector gandeiro para o concello de Pol” e cre que “debemos potencialo”. Así, defendeu que “o proxecto do Partido Popular estará ao seu carón para aportar solucións ás súas necesidades” durante a visita a unha explotación láctea da parroquia de Torneiros á que asistiu tamén o responsable de Medio Rural do Goberno galego, José González, e o secretario xeral do PP lucense, Javier Vázquez Nodal. De feito, o programa electoral do PP de Pol recolle a creación dunha oficina de asesoramento a autónomos e gandeiros.

A popular amosou o seu desexo de “facer do noso rural o mellor lugar para emprender” e comprometeuse a traballar da man dos veciños para potenciar o sector gandeiro e forestal. Nese sentido, explica que a forma de facelo dende o goberno local é atendendo aos asuntos que son de competencia municipal como, por exemplo, “a dotación de traídas de auga para tódalas parroquias ou a mellora das pistas municipais”. Isto favorecerá a actividade diaria das explotacións gandeiras e tamén permitirá contar con vías de comunicación seguras para tódolos veciños que “pagan os seus impostos e merecen gozar de servizos básicos dignos”.

POL, UNHA REFERENCIA EN GALICIA NA PRODUCIÓN DE LEITE

José González subliñou a “destacada posición do concello de Pol na produción de leite a nivel galego” e trasladou aos gandeiros e aos veciños do municipio “o apoio da Xunta”.

Durante a visita, os populares tamén analizaron a subida dos custos de produción que afectan tanto ás granxas de vacún de carne como de leite. Nese sentido, González explicou que “as medidas extraordinarias con motivo da seca e dos efectos do conflito en Ucraína anunciadas polo Goberno central discriminan aos gandeiros galegos que só recibirán o 25% dos importes previstos -menos de 40 euros a percibir por cada vaca nutriz de carne e 15 euros por cabeza de vacún de leite-”.

Polo tanto, “esiximos unha rectificación; así coma a modificación das axudas do primeiro piar da PAC que son as que lle corresponden ao Goberno do Estado”. Pola súa banda, “a Xunta de Galicia aumentou nos últimos anos as axudas da PAC da súa competencia, ademais de desenvolver outras liñas de apoio”.

0.15319204330444