O PP de Pol denuncia a "brutal" subida de taxas aprobada polo Goberno local

Pol
LugoXa | TerraChaXa
“É curioso que se disparen os gastos do Concello de Pol dende o que o alcalde decidiu asumir a rega do campo de fútbol”, explican
concello-de-pol
12 Nov 2024

Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Pol amósanse “totalmente en contra” da “brutal” suba impositiva que vén de aprobar o goberno local liderado polo alcalde Lino Rodríguez, “unha carga inmensa para os veciños de Pol que vén derivada da neglixente xestión económica do alcalde”.

A voceira popular, Nicole Grueira, afirma que “a nosa postura é clara e firme, totalmente en contra de incrementar os impostos aos veciños”. “Está claro que esta decisión unilateral do goberno socialista de Pol é un reflexo dunha política fiscal que non compartimos, centrada a malgastar o diñeiro, aumentar a débeda e impoñer cargas adicionais ás familias do noso municipio”, explicou.

Un exemplo desta “nefasta” xestión económica de Lino Rodríguez é que pechou o ano 2023 cun déficit de 417.074,44 euros, xa que os ingresos foron de 242.106,78 euros e os gastos ascenderon a 659.181,22. “Queda claro que lino Rodríguez é un malgastador profesional”, afirmou.

“É curioso que se dispare o gasto total do Concello de Pol dende que Lino Rodríguez asumiu a rega do campo de fútbol”, explicou.

Nicole Grueira defende para o Concello de Pol “unha alternativa responsable, baseada nunha revisión exhaustiva dos gastos e unha mellora da xestión dos recursos existentes, co obxectivo de garantir a solvencia do Concello sen prexudicar a economía das familias”.

Os concelleiros populares poñen exemplos das subas aprobadas polo goberno socialista de Pol:

  • Auga: a tarifa fixa pasa de 3€ a 15€, unha suba dun 500%
  • Uso gandeiros: pasa de 5€/mes a 20€, un aumento do 300%
  • Vivenda: pasa dos 22€ ao trimestre a 30€ na actualidade, un incremento do 66,67%
0.16746520996094