O PP de Pol di que o alcalde impide o arranxo das vías municipais en mal estado

Pol
LugoXa | TerraChaXa
Nicole Grueira afea que “o alcalde non convocase plenos ordinarios dende xaneiro nas datas establecidas, pero si convocara tres extraordinarios maio en datas e horarios nos que dificulta a participación dos concelleiros populares
estado-vias-cirio-e-silva-en-pol
Vías de Cirio e Silva, en Pol
4 Xul 2024

O PP de Pol leva tempo denunciando a situación das estradas municipais “de total abandono” porque “presentan gretas, un firme deficiente e grandes fochancas que chegan a supoñer a existencia de puntos case intransitables”. E a pesar de que o Grupo Municipal Popular ten rexistrado en abril unha proposta para levar ao pleno a aprobación do arranxo das estradas municipais e o aumento do investimento no seu mantemento, nin sequera se chegou a debater ou votar porque o alcalde leva dende xaneiro sen convocar plenos ordinarios”.

Os populares consideran que “o rexedor está a impedir o labor de oposición de propoñer iniciativas para o seu debate no pleno da corporación municipal”. E, por se fora pouco, “tamén dificulta a participación dos concelleiros populares nos plenos extraordinarios que convoca ao seu criterio en horario laboral ou en datas que coinciden con outros compromisos dos membros do noso grupo municipal”.

A portavoz, Nicole Grueira, afea que “se puido convocar tres plenos extraordinarios dende maio ata finais de xuño, ben puido convocar o pleno ordinario nas datas que están previamente establecidas e que está a incumprir”.

INICIATIVA PARA ARRANXAR E CONSERVAR VÍAS MUNICIPAIS

O deterioro das vías municipais que supón un “notable prexuízo para os veciños que as empregan na súa vida diaria e que dificultan a mobilidade para tractores, camións, turismos, transporte escolar ou servizos médicos, entre outros”. Recentemente, os populares volveron comprobar o mal estado de vías como as das parroquias de Silva e Cirio.

Ante esta situación, os concelleiros do PP piden unha “reparación das estradas que inclúa a limpeza das cunetas e a corrección de calquera outro problema que poida afectar á circulación segura dos veciños”. E, inciden en que “se realice un mantemento continuo das vías para evitar que no futuro se chegue a situacións tan críticas como as actuais”.

0.15542602539062