O PP de Pol esixe ao alcalde "que volva ao camiño da legalidade"

Pol
LugoXa | TerraChaXa
Nicole Grueira ameaza a Lino Rodríguez con levar a situación "a instancias superiores" en base ao informe de Intervención
concello-de-pol
25 Oct 2024

"O pleno extraordinario celebrado no Concello de Pol deixou en evidencia que a situación económica do mesmo é insostible, un extremo que os concelleiros do Grupo Municipal Popular levan moitos meses denunciando e que, agora, se ve referendada nun informe demoledor de Intervención do Concello". Así o explica a voceira popular, Nicole Gueira, que se fai eco deste informe e advirte ao alcalde: “Ou devolve ao Concello a unha situación de legalidade ou teremos que levalo a outras instancias superiores”.

No informe ao que fai referencia Nicole Grueira afírmase que “o alcalde determina pagar as facturas dando preferencias a esa, sen ningún orde preestablecido, e tendo en conta que faltan moitas facturas por pagar e que son gastos xerais e como Interventora poño de manifesto que non se cumpre a normativa vixente”.

A voceira popular explica que “reafírmase o que denunciamos en numerosas ocasións, o alcalde paga a quen el decide cando quere”.

Un pagamento de facturas que “tamén incumpre procedementos legais” e que, segundo se fai público no informe, “o alcalde está a realizar fraccionamentos de contratos, algo totalmente ilegal”.

Afirma Grueira que "en consonancia con anteriores informes de Intervención, cabe facer reparos na tramitación de ditos gastos, debido a omisión de trámites esenciais de procedemento". Así afirman que o Concello de Pol non ten subscritos contratos administrativos en relación aos citados servizos ou subministracións. Alega tamén o informe que están tramitándose as contratacións coma se de contratos menores se tratase, "estanse a omitir trámites esenciais do procedemento, incumpríndose o disposto no artigo 99.2 do LCSP".

Engade que está sen realizar trámite algún para adecuar ditos gastos ao procedemento legalmente establecido. "A través da súa tramitación como contratos menores (simplemente presentación de factura) estase a producir un fraccionamento do obxecto do contrato e omisións de trámites esenciais do procedemento.”

Nicole Grueira lamenta “a situación á que Lino Rodríguez levou ao Concello e, por extensión, a todos os seus veciños”. Como afirma o servizo de Intervención “ponse en coñecemento do equipo de goberno a situación complicada que existe debido á elevada débeda pública do Concello de Pol, xa que os ingresos son moito menores que os gasto e que se gastan en cousas que non son importantes como é a rotulación dun autobús”.

“Os gastos sen control do alcalde” situaron xa ao Concello nunha débeda de 3.445.997,54 euros, e Nicole Grueira advirte que “nin a Deputación pode salvar agora ao alcalde”.

Afirmación que apoia o informe: “Este déficit na liquidez están a liquidarse mediante solicitudes de anticipos de subvencións o dos anticipos procedentes dos Convenios da Deputación Provincial de Lugo, dos impostos que recada vía delegación deste Concello, porén esta vía resulta insuficiente a pesar da operación a curto prazo de 400.000 euros”.

0.16352295875549