O PP de Pol pide ao alcalde que "non invente" sobre a concentración parcelaria

Pol
TerraChaXa | LugoXa
O PP de Pol pide ao alcalde, Lino Rodríguez, que non invente en relación á concentración parcelaria realizada no municipio.
6 Apr 2023

O PP de Pol pide ao alcalde, Lino Rodríguez, que non invente en relación á concentración parcelaria realizada pola Xunta de Galicia no municipio. A candidata á alcaldía, Nicole Grueira, di: “Non entendemos que denuncie deficiencias cando o Concello estaba ao tanto da execución das obras desde o primeiro momento”. A alcaldable fai referencia á nota de prensa publicada a semana pasada na que o alcalde  denunciaba unha serie de deficiencias nesta concentración parcelaria en Santo Estevo de Pol que, segundo el, prexudica a varios veciños pois habería camiños que quedarían sen acceso a varias parcelas e criticou tamén problemas coa ampliación dunha ponte.

Neste sentido, Grueira explica que “a realidade é moi diferente, pois os proxectos da rede de camiños principais e secundarios foron expostos segundo marca a lexislación na materia, o que significa que o Concello estivo ao tanto dos pasos a seguir”. En relación ás reclamacións, a popular destaca que desde o concello se presentaron alegacións pero mezclando proxectos entre sí e presentando as alegacións fora de prazo.

No proxecto da rede de camiños principais remitiuse de oficio en xuño de 2016 para a súa exposición pública durante un mes. O concello presentou alegacións e este proxecto non chegou a contratarse. Case un ano máis tarde, en abril do 2017 remitiuse un novo proxecto de rede de camiños principais no que non hai alegación algunha e se executa o proxecto.

No correspondente á rede de camiños secundarios en xaneiro de 2019 envíase de oficio para a súa exposición pública. En febreiro de 2019, o Concello de Pol presenta alegacións ao proxecto de camiños secundarios cando en realidade envían un informe de deficiencias na rede de camiños principais. Como as obras da rede principal xa estaban executadas pero non entregadas, fixéronse melloras puntuais nos camiños dando por cumprido as súas alegacións. En xuño de 2019 envíase a comunicación da finalización de obras dando un prazo de 2 meses para interpoñer un recurso. “Un recurso que non consta en ningún momento que se interpuxera”, di a candidata dos populares. Ademais engade que “neste mesmo informe é onde se presentan reclamacións dunha ponte que entendemos que é a que se refire na nota de prensa, porque aínda non sabemos exactamente a cal se refire”, di Nicole Grueira.

En agosto do 2021 comunícase a finalización das obras da rede de camiños secundarios onde tampouco se interpón ningún recurso no prazo de dous meses. Na remisión de oficio indícase punto por punto as actuacións incluídas no proxecto e en ningún momento houbo ningunha alegación posterior.  No caso das fincas sen acceso, “nas que tampouco aclara cales son ás que se refire”, no informe técnico especifícase que se realizaron labores de acondicionamento polo que o seu acceso segue sento o mesmo que tiñan antes da reestruturación parcelaria.

"DECLARACIÓNS AFASTADAS DA REALIDADE"

Vista a cronoloxía da posta en marcha da rede de camiños principais e secundarios “pódese comprobar que as obras que se ían executar eran coñecidas en todo momento polo Concello e incluso nalgún caso atendéronse as súas reivindicacións pese a ser realizadas fóra de prazo”, resalta Grueira.

Para a popular estas declaracións “están totalmente afastadas da realidade” e so pretenden crear confrontación coa Xunta de Galicia. “Cónstanos que en maio do ano pasado o Concello de Pol solicitou á Xunta de Galicia unha copia do expediente da concentración parcelaria pero non presentou ningunha alegación ou reclamación. O único que presentou foi a nota de prensa denunciando deficiencias”.

Por outra banda, a candidata non entende como é posible que o alcalde “se poña facer oposición á oposición”, cando fai xa máis de un ano que se entregaron os proxectos terminados, en vez de explicarlle aos veciños a realidade crítica na que se atopa o concello.

“Tampouco entendo que se poña a criticar a actuación dos demais cando precisamente a parroquia e Pol tenas totalmente esquecidas. Os camiños municipais están totalmente deteriorados, sen asfaltar, sen desbrozar, sen unha correcta sinalización, e separación dos carrís xa nin existe” resalta Nicole Grueira

0.16008400917053