O PP de Vilalba acusa á alcaldesa de criticar os orzamentos da Xunta cando non ten feitos os municipais

TerraChaXa
O PP de Vilalba lamenta que "a alcaldesa teña o atrevemento de criticar os orzamentos da Xunta cando non é capaz de elaborar os presupostos”
reunion pp vecinos goiriz
25 Oct 2022

A presidenta do PP de Vilalba e deputada autonómica, Sandra Vázquez, lamenta "o atrevemento da rexedora local" tras coñecer as súas declaracións sobre os orzamentos que dirixe a Xunta a Vilalba durante o 2023. “A señora Veleiro está moi áxil para facer de portavoz socialista dende a alcaldía, pero é incapaz de elaborar uns orzamentos municipais; xa que o PSOE non presentou ningún dende que chegou á alcaldía e, polo tanto, goberna coas contas prorrogadas que foran aprobadas polo goberno do PP co voto en contra dos socialistas”. Ademais, “gustaríanos que, como alcaldesa de tódolos vilalbeses, reclamara máis investimentos ao Goberno do Estado da súa mesma cor política”.

A popular explicou durante a reunión cos veciños e veciñas de Goiriz, que se enmarca dentro da rolda de xuntanzas coas distintas parroquias, que “a Xunta é a administración que máis inviste en Vilalba e que para o ano 2023 reserva 2,2 millóns de euros en investimentos en materia de Medio Rural, Medio Ambiente, Cultura, Vivenda ou Turismo. A estes hai que engadir os algo máis de 1,5 millóns en materia de promoción turística en relación ao Camiño de Santiago, as axudas da PAC que supoñen un importante impulso para a economía local ou as achegas que dirixe ao mantemento dos servizos públicos coma a sanidade, a educación ou en materia de política social coma o Servizo de Axuda no Fogar, o de atención temperá, o Centro da Terceira Idade, a Casa da Xuventude ou o apoio ao CIM ou ao Hospital Asilo e, neste curso, tamén sufraga a gardería para que resulte gratuíta para tódolos nenos e nenas ata os 3 anos”.

Vázquez explicou tamén que “no que vai de ano 2022 a Xunta leva dirixido a Vilalba máis de 10 millóns de euros: máis de 2 millóns para o SAF, máis de 900.000 euros para o Concello correspondentes ao Fondo de Cooperación Local, máis de 500.000 euros para o obradoiro de emprego -compartido co Concello de Abadín-, máis de 130.000 euros para o servizo de atención temperá; ademais das achegas para o CIM, Protección Civil, mellora de camiños e en centros educativos e axudas tanto a asociacións de veciños coma a empresas a través de distintas liñas”. Ademais, de estes 10 millóns de euros, 3,8 correspóndense coas axudas da PAC que xa percibiron os gandeiros vilalbeses.

Reunións polas parroquias

A popular lembrou na xuntanza celebrada este luns na parroquia de Goiriz que a Xunta de Galicia concedeu no ano 2021 unha axuda á asociación veciñal de 12.367 euros para levar a cabo melloras nas súas instalacións ou adquirir novo equipamento que lles permitan desenvolve as súas actividades”. 

O PP vilalbés está a manter reunións cos veciños e veciñas das distintas parroquias co obxectivo de achegar información útil, pero tamén para coñecer máis de preto aquelas achegas, propostas, suxestións ou queixas que lles queiran trasladar. “Queremos estar ao pé dos veciños porque só coñecendo a realidade que viven se poden facer propostas e proxectos de goberno no seu beneficio”, dixo a presidenta, Sandra Vázquez.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17892217636108