O PP de Vilalba alerta de que as obras na rúa da Pravia causan un prexuízo ao comercio

TerraChaXa
Os populares lamentan que as sucesivas reparacións pola “mala planificación” do goberno local danan gravemente a imaxe turística da vila
danos-vehiculo-estacionado-pravia
16 Jun 2026

O PP de Vilalba denunciou que os novos traballos de reparación e arranxo na rúa da Pravia, un corte que volve poñer en xaque a mobilidade na vila, supoñen un novo golpe para o tecido comercial local por mor da “mala execución dun proxecto que naceu torcido dende o principio”.

Dende o PP vilalbés lembran que esta obra foi froito “do capricho socialista”, priorizando a improvisación antes que a planificación técnica e o benestar dos veciños.

“O resultado está á vista de todos: un goteo constante de parches, valados e cortes na rúa que dificultan o día a día do comercio, dos peóns e do tráfico rodado”, denunciaron.

Os populares sinalan que o verdadeiro prexuízo é o “custo que asumen os vilalbeses”. “Non se trata dun problema illado, senón dunha chapuza cronificada. Ou se lle dá unha solución definitiva, o cal é moi complicado pola nefasta execución inicial, ou os veciños e comerciantes imos ter que soportar estes parches ano si e ano tamén”, alertaron.

Dende o PP de Vilalba insisten en que estas continuas obras na rúa da Pravia deterioran gravemente a imaxe de Vilalba ao provocar un dano ao comercio local por mor das restricións e a incomodidade na mobilidade; danan a imaxe turística e provocan unha parálise que afecta a rutina diaria dos vilalbeses.

Os populares esixen ao goberno local que asuma responsabilidades e que busque alternativas técnicas para acadar unha solución definitiva. “Vilalba non pode converterse nunha obra perpetua nin os nosos comerciantes poden seguir pagando as consecuencias das présas e a soberbia dun goberno que prefire o parche permanente antes que a xestión eficiente”, sinalaron.

Ademais, dende o PP de Vilalba alertan de que cando remate o período de garantía e dada a mala planificación da obra, “seremos os vilalbeses os que comecemos a pagar con fondos propios o custe de todos os amaños e parches” dunha obra que se realizou “co único fin de cumprir o capricho socialista e non unha obra que non solicitaron os vilalbeses”.

0.12069296836853