O PP de Vilalba cre que as verbenas dos días grandes das patronais deberían celebrarse no centro da vila

TerraChaXa
Contesta así á decisión de traslado das verbenas do 31 de agosto e 1 de setembro dende a Praza da Constitución ao Campo da Feira
festa-concerto-verbena-festas-de-vilalba
26 Aug 2026

O PP de Vilalba defende que “os días grandes das festas patronais, o 31 de agosto e o 1 de setembro, se deben celebrar no centro da vila” xa que “é o lugar habitual de encontro de todos os vilalbeses dende que se celebran as patronais”.

Así, afean a decisión do goberno de PSOE e Vilalba Aberta de trasladar as verbenas das patronais da Praza da Constitución ao Campo da Feira. Nese sentido, os populares lamentan que “impoñan o seu criterio por riba dos costumes dos vilalbeses e das tradicións da nosa vila”.

As festas de San Ramón e Santa María son unha data moi sinalada para todos os vilalbeses e vilalbesas: momento de encontros, de celebración e tamén unha das citas anuais máis destacadas para o sector hostaleiro. “As patronais de San Ramón e Santa María forman parte da nosa identidade”, inciden.

Polo tanto, os concelleiros do PP consideran “unha pena que, pola mala xestión do goberno local, as verbenas das festas sufran un cambio substancial sen ningún tipo de xustificación” e “xeren malestar entre os vilalbeses”, cando deberían ser “motivo de unidade”.

“É certo que outros anos se teñen celebrado concertos ou actuacións no Campo da Feira de Vilalba para diversificar o escenario da celebración das patronais; pero sempre se mantiveron as verbenas no centro da vila nos días grandes”, conclúen.

0.13625597953796