O PP de Vilalba critica o abandono da limpeza viaria durante as patronais

TerraChaXa
Os populares protestan pola ausencia da varredora municipal desde hai meses e esixen ao goberno local que actúe de inmediato para recuperar a imaxe e a salubridade da vila
suciedade-vilalba-festas
7 Sep 2026

O PP de Vilalba denuncia o estado de abandono que presenta a limpeza das rúas do municipio e a situación insostible que se vive nos aparcadoiros subterráneos da Praza da Constitución, onde os malos cheiros son xa insoportables, precisamente en plenas festas patronais, cando a vila recibe un maior número de visitantes e debería ofrecer a súa mellor imaxe.

Os populares consideran que a falta de limpeza é cada vez máis evidente e que a veciñanza leva meses padecendo unha situación que o goberno municipal parece ignorar. "As rúas presentan un evidente déficit de mantemento e limpeza, algo que non é propio dunha capital de comarca nin dunha vila que presume das súas festas", sinalan.

Desde o PP lembran que hai meses que a máquina varredora deixou de prestar servizo tras o incidente sufrido e que, desde entón, non se volveu a vela traballando polas rúas de Vilalba. "O máis grave é que tampouco se puxo en marcha ningún servizo alternativo nin se incorporou unha máquina substituta que realizase un labor que resulta imprescindible para manter limpo o noso municipio", denuncian.

Os populares recordan que o goberno local comprometeuse a reforzar a limpeza, sobre todo en festexos e celebracións, e “todos vemos como non se cumpre nin o contrato de limpeza viaria xa que a limpeza dos colectores do lixo, incluída no contrato, non se realiza” a pesar de que este servizo incrementou o seu custo notablemente, cun contrato de 18M€ e 10 anos de duración.

A esta falta de limpeza súmase o grave problema dos aparcadoiros subterráneos da Praza da Constitución, onde os cheiros son cada vez máis intensos e desagradables. Dende o PP cualifican de “incomprensible” que, en lugar de adoptar medidas para solucionar esta situación, o executivo local permita que veciños e visitantes teñan que soportar estas condicións nun dos espazos máis concorridos da vila.

Os populares lembran que as festas patronais son un escaparate para Vilalba e que a imaxe que se transmite nestes días debe ser a dunha vila limpa, coidada e agradable, e non a dun municipio no que os problemas de mantemento se acumulan sen resposta.

Por todo iso, o PP de Vilalba esixe ao goberno municipal que actúe con urxencia, restablecendo un servizo eficaz de limpeza viaria, substituíndo de inmediato a maquinaria que sexa necesaria e resolvendo definitivamente os problemas de insalubridade existentes nos aparcadoiros da Praza da Constitución.

"O mantemento da limpeza e das condicións hixiénicas dos espazos públicos non é unha cuestión secundaria, senón unha obriga de calquera administración responsable e un servizo esencial para a calidade de vida da veciñanza e para a imaxe de Vilalba", conclúen.

0.11197113990784