O PP de Vilalba esixe ao goberno local “liderar” a ampliación do polígono industrial

O PP de Vilalba esixirá no vindeiro Pleno do Concello que o goberno local “lidere” as actuacións precisas para “facer realidade unha nova ampliación do polígono Sete Pontes”. Os populares aseguran que “a dispoñibilidade de solo industrial competitivo é un factor determinante para atraer actividade económica, favorecer o emprendemento e fixar poboación” e afean que “o goberno de PSOE e Vilalba Aberta non avanzaran nada nunha cuestión que é prioritaria para o municipio. Moito se leva falado, pero nada se materializa”, apuntan.
Así, esixen “avanzar” na redacción dos estudos técnicos e urbanísticos precisos, analizar alternativas dispoñibles, definir o ámbito da futura ampliación e elaborar unha proposta de ordenación “que permita incrementar a oferta de solo industrial e responder ás necesidades actuais e futuras das empresas”.
Tamén esixen avanzar na ordenación e “iniciar a instalación e revisión dos hidrantes, bocas de incendio e bocas de rego, aumentando en caso necesario tanto caudal como presión naquelas zonas tanto do casco urbano como do polígono industrial”.
Os populares sempre defenderon a ampliación do polígono industrial como “prioritaria” para Vilalba polo que tamén piden ao goberno municipal “informar trimestralmente á Corporación sobre o estado de tramitación dos traballos realizados e das xestións efectuadas ante as distintas administracións”.
O polígono industrial é un dos principais motores económicos do Concello de Vilalba e da comarca da Terra Chá. E a elevada ocupación das parcelas dispoñibles nos últimos anos evidencia a necesidade de planificar unha nova ampliación do solo industrial. “A falta de espazo limita tanto a chegada de novos investimentos como a posibilidade de que empresas xa implantadas poidan ampliar as súas instalacións, o que supón unha perda de oportunidades para Vilalba”, segundo consideran dende o Partido Popular.
O Grupo Municipal Popular de Vilalba tamén esixirá no Pleno que o Concello adopten as medidas necesarias para a retirada e correcta xestión dos residuos e contedores fóra de uso depositados nunha parcela xunto á vía pública, "sen ordenación nin acondicionamento axeitado", e execute o desbroce e limpeza da zona "para garantir unha boa imaxe do municipio e, sobre todo, seguridade e salubridade".