O PP de Vilalba reclama ao Concello que asine o novo convenio co Hospital Asilo

TerraChaXa
O PP de Vilalba reclama ao Goberno que asine un novo convenio co Hospital Asilo para garantir o funcionamento da unidade de alzhéimer.
reunion padroado hospital asilo vilalba
reunion padroado hospital asilo vilalba
28 feb 2023

O PP vilalbés reuniuse co padroado da Fundación Hospital Asilo de Vilalba para coñecer a actual situación da institución “tralo tropezo que supuxo que o goberno municipal decidira, de forma unilateral, diminuír a subvención nominativa que viña destinando cada ano á entidade e que ascendía aos 30.000 euros”.

A presidenta e candidata popular á alcaldía, Sandra Vázquez, lamenta que “a falta dun mes para que que remate a vixencia do convenio asinado entre o Concello e a Fundación, aínda non se firmou un novo convenio e, polo tanto, a entidade non ten garantido formalmente a continuidade da unidade terapéutica de alzhéimer e outras enfermidades dexenerativas para a que o Concello viña financiando 5 prazas”. Polo tanto, “o Hospital Asilo atópase nunha situación de incerteza pola falta de diálogo e compromiso do goberno socialista ao que parece non importarlle a prestación de servizos sociosanitarios no noso municipio”.

A popular condena, unha vez máis, “a falta de diálogo por parte do goberno socialista coa sociedade vilalbesa á que debería representar e, polo tanto, escoitar para tomar as decisións que máis conveñan aos vilalbeses e vilalbesas”.

Vázquez recoñece “as décadas de traballo atendendo a moitas persoas maiores” da Fundación Hospital Asilo e traslada “o total apoio do Partido Popular de Vilalba ao seu labor”. Así mesmo, a popular puxo en valor “os proxectos que pretende levar a cabo o padroado, entre os que se atopan aqueles dirixidos a seguir modernizando as súas instalacións”.

PRAZAS SUBVENCIONADAS POLA XUNTA

A alcaldable popular contrapón a falta de interese e concreción do goberno local socialista co compromiso da Xunta en materia de servizos sociais; xa que no Consello do pasado xoves 23 de febreiro aprobaba o financiamento de seis prazas públicas no centro de forma que seis persoas terán a posibilidade de recibir atención de calidade na súa contorna subvencionada pola Xunta.