O PP de Vilalba reclama ao Concello que se asignen 364 horas mensuais do SAF

TerraChaXa
O PP vilalbés advirte que o Concello dispón de 364 horas mensuais do SAF sen asignar, mentres hai 252 usuarios en lista de agarda
maiores unidade preventiva afalu
maiores unidade preventiva afalu
16 jun 2022

A voceira do Grupo Municipal Popular, Sandra Vázquez, esixe unha “xestión eficiente dun servizo esencial para os nosos maiores e dependentes” como é o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) ante a “falta de dilixencia” á hora de asignar horas de atención que o Concello de Vilalba ten dispoñibles.

A día 14 deste mes de xuño eran 364 as horas mensuais dispoñibles pero sen asignar a ningún usuario, mentres que o goberno local socialista acumula 252 expedientes sen atender: 4 de grao III, 42 de grao II e 205 de grao I. “A Xunta incluso está en disposición de ofrecer máis horas, pero o goberno local non é capaz de xestionar as que xa ten asignadas”, condena.

Vázquez explica que “mentres a Xunta resolve os expedientes o máis rápido posible e pon recursos para atender aos nosos maiores e dependentes, o Concello non se está a preocupar o suficiente para que ningún quede sen a atención que necesita e merece”. Ademais, a popular matiza que se trata dun servizo moi importante non só para os propios usuarios, senón tamén para as súas familias.

A voceira popular e deputada autonómica explica que a achega da Xunta ao Concello de Vilalba para o ano 2022 é de 2.077.020 euros, un 13,4% maior que ao inicio de 2021 debido ao incremento da achega da Xunta ata os 11 euros por hora. Deste xeito, a administración autonómica ofrece maior apoio económico aos Concellos para prestar este servizo. É máis, “este ano a Xunta conta cun orzamento histórico en política social que ascende a 927 millóns de euros”.