O PP de Vilalba reclama “igualdade” nas infraestruturas e na recollida do lixo en todas as parroquias

O PP de Vilalba reclama “igualdade de condicións” para todas as parroquias do municipio en relación á recollida do lixo e ao estado das infraestruturas do servizo.
Os concelleiros lembran que “o goberno bipartito de PSOE e Vilalba Aberta prometía coa adxudicación do novo contrato de recollida do lixo e limpeza viaria a instalación de bases de formigón para os contedores, pero das que non dispoñen en moitos lugares” do municipio como no caso das parroquias de Ladra ou Román.
Os populares tamén chaman a atención sobre os lugares elixidos para a colocación dos contedores nas parroquias: “hai algún caso no que se cambiou o lugar habitual para trasladalo a carón dunha fonte”. Neste sentido, cren que esta decisión que non parece a máis indicada.
Así mesmo, condenan que “moitos contedores se atopan nun estado realmente deplorable sen que foran substituídos dous anos despois da renovación do contrato de recollida do lixo e a limpeza viaria”.
O Grupo Municipal Popular cre que este é un exemplo máis da “falta de atención ao rural” por parte do goberno local e urxe aos responsables a “tomar en serio as necesidades de tódalas parroquias sen ningún tipo de distinción”.