O PP de Vilalba reclama máis atención ás necesidades dos veciños e critica o “despilfarro” do goberno local

TerraChaXa
Elena Candia e Javier Vázquez Nodal reuníronse co PP vilalbés para coordinar propostas e demandar maior xestión no día a día
PP Vilalba
14 Nov 2024

A presidenta provincial do Partido Popular, Elena Candia, e o secretario xeral, Javier Vázquez Nodal, mantiveron unha reunión en Vilalba co equipo local do PP, encabezado por Sandra Vázquez, para analizar a situación municipal e coordinar liñas de actuación que respondan ás demandas dos veciños. Os concelleiros populares manifestaron a súa preocupación pola xestión do goberno tripartito, formado por PSOE e Vilalba Aberta co apoio do BNG, ao que acusan de carecer dun proxecto de futuro para a localidade.

O PP local denuncia que o goberno municipal “atende aos seus caprichos” en lugar de responder ás necesidades diarias dos vilalbeses e vilalbesas. Entre as reclamacións máis urxentes, destacan unha maior atención ás parroquias rurais, o control sobre o gasto en obras que consideran “faraónicas” e a necesidade de destinar máis recursos ao mantemento de instalacións e servizos públicos. Os populares tamén critican a negativa do PSOE a apoiar unha proposta para ampliar o polígono industrial, iniciativa que consideran clave para impulsar o emprego e o comercio local.

Durante a reunión, analizaron varios casos de “mala xestión económica” por parte do goberno local, facendo referencia a gastos en proxectos que consideran innecesarios, como a remodelación da rúa da Pravia, as novas piscinas da Madalena e a renovación do despacho da alcaldesa. Ademais, lembraron que o goberno renunciou a subvencións e gastou máis de 17.000 euros contratando unha empresa privada para elaborar un informe que podía facer a Deputación de Lugo.

Finalmente, os populares repasaron outras demandas dos veciños en áreas de competencia autonómica, as cales foron trasladadas á Xunta de Galicia para mellorar os servizos en Vilalba.

0.16210913658142