O PP de Vilalba urxe ao goberno local socialista a aprobar a RPT

TerraChaXa
O PP urxe ao goberno local socialista a aprobar a RPT que permita a incorporación de máis persoal para atender as xestións dos vilalbeses
casa do concello de vilalba
5 Ago 2022

O Grupo Municipal Popular de Vilalba lamenta que “os vilalbeses teñan que sufrir a ralentización das xestións administrativas no Concello debido á pésima xestión do goberno local socialista”.

Ante as queixas dos veciños e veciñas pola tardanza para poder facer certos trámites ante a administración local, os populares urxen ao goberno local socialista a “xestionar a Relación de Postos de Traballo (RPT) que ten paralizada e que provoca falta de persoal no Concello e, polo tanto, que os traballadores teñan que facer fronte a un importante volume de traballo”. Nese sentido, a voceira, Sandra Vázquez, traslada o “agradecemento pola súa dedicación” en nome do Grupo Municipal Popular que é coñecedor do labor do persoal.

“É imprescindible a aprobación da RPT no pleno para a incorporación de máis traballadores para evitar o colapso administrativo. Deste xeito, axilizaríanse tanto os expedientes administrativos do propio Concello coma os trámites que demandan os veciños e veciñas”, explica a popular.

O Grupo Municipal Popular defende a necesidade de “facer unha planificación do persoal que precisa o Concello para o seu correcto funcionamento e a prestación de servizos aos veciños e veciñas, como están a reclamar. Non é de recibo que xestións que antes se facían nun curto espazo de tempo -como é o caso da inscrición no padrón municipal- agora tarden varios días”.

Vázquez lamenta a falta de avances deste goberno en cuestións imprescindibles para o bo funcionamento do Concello. E, en relación á RPT, lembra que “o convenio colectivo, que é a parte que resulta máis difícil sacar adiante, quedou aprobado xa no anterior mandato co Partido Popular no goberno”.

0.1106071472168