O PP de Xermade pide ao Concello que revise o contrata do SAF

TerraChaXa
O PP de Xermade pide ao goberno local revise o contrato coa empresa que está a prestar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para mellorar a situación das traballadoras, o que repercutiría nunha mellora do servizo.
12 Mar 2024

O PP de Xermade pide ao goberno local revise o contrato coa empresa que está a prestar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para mellorar a situación das traballadoras, o que repercutiría nunha mellora do servizo. Os populares trasladaron no último pleno esta medida como “solución provisional ata que se licite un novo contrato (o actual caduca en setembro deste ano) ou asuma o servizo o propio Concello” e volverán a insistir na próxima sesión plenaria.

O portavoz popular, Antonio Riveira, condena que “o alcalde nunca quixo revisar ese contrato (que ao ser asinado en agosto do 2019, está desfasado). Nin sequera cando as traballadoras se puxeron en folga e el mesmo acudiu ás manifestacións”.

Os concelleiros do PP amosan a súa solidariedade coas traballadoras e agardan que o goberno local trate coa empresa velando polas súas condicións laborais e a calidade da prestación do servizo tendo en conta que “a situación deste servizo é responsabilidade da empresa, pero tamén do Concello”.

Riveira sinala que “as traballadoras están percibindo salarios baixos mentres que os desprazamentos lles resultan custosos” e, aínda así, “o goberno local negouse a revisar o contrato como lle pedimos en numerosas ocasións”. A este respecto, “hai que aclarar que a Xunta si incrementou no 2023 o seu apoio aos Concellos para a prestación deste servizo de competencia municipal chegando a financiar con 12 euros cada hora”. O Goberno galego adiantou un ano o compromiso acadado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) de alcanzar esa achega por hora no 2024. No ano 2023 aportou máis de 500.000 euros ao Concello para sufragar os gastos do SAF.

Os populares defenden que “a mellora das condicións laborais das traballadoras redundará nunha mellora do servizo aos usuarios”. Algunhas familias teñen manifestado as súas queixas porque “nalgunhas ocasións nas que non hai persoal dispoñible, teñen que buscar outros recursos para suplir esa atención”.

USUARIOS EN LISTA DE ESPERA

Riveira urxe ao goberno socialista a “mellorar a xestión do SAF” á vista de que a comezos deste mes de marzo o Concello de Xermade dispoñía de máis de 400 horas dispoñibles para asignar a algún usuario, a pesar de contar con 54 persoas en lista de espera: 52 solicitantes de grao I e 2 de grao III, é dicir, persoas con gran dependencia.

0.18440318107605