O PP defende os investimentos no porto de Ribadeo
O voceiro do grupo municipal do PP de Ribadeo, Daniel Vega, destaca as últimas actuacións desenvolvidas pola Xunta, a través de Portos de Galicia, para mellorar as infraestruturas portuarias do municipio e que supuxeron un investimento de preto de medio millón de euros no último ano.
Entre as actuacións promovidas polo Goberno galego no porto de Ribadeo, Vega refírese á renovación do sistema de protección de amarre "a través da substitución dun total de 10 defensas por outras novas que habilitan 7 zonas de atraque" e á instalación dunha nova escaleira de aceiro inoxidable no porto comercial de Mirasol "para garantir a seguridade nas operacións de subministro de gasoil". Estas dúas actuacións contaron cun investimento de preto de 50.000 euros, aos que se suman outros preto de 15.000 euros dirixidos a actualizar o sistema de pesaxe da báscula do peirao comercial.
A Xunta destinou tamén máis de 430.000 euros ao dragado das canles de acceso ao porto comercial e da entrada da bocana da dársena náutica de Ribadeo co obxectivo de incrementar o calado e a operatividade das instalacións.
O voceiro popular destaca que "as actuacións de mellora que o Goberno galego desenvolveu no porto de Ribadeo nos últimos 11 anos supuxeron un investimento de máis de 10,5 millóns de euros, aos que hai que engadir máis de medio millón de euros máis neste período dirixidos a tarefas de mantemento".