O PP destaca as axudas da Xunta a catro parroquias de Vilalba
A voceira do Grupo Municipal Popular de Vilalba e deputada autonómica, Sandra Vázquez, destaca que “a Xunta concedeu axudas a catro asociacións veciñais do municipio por un importe total de preto de 55.000 euros”. Trátase das asociacións de veciños de Alba, Román, Carballido e Ladra, parroquias que visitou para coñecer máis de preto o resultado das actuacións subvencionadas e coñecer as impresións dos veciños e veciñas sobre estas achegas.
A popular considera “moi útiles e necesarias estas axudas para as asociacións de veciños xa que lles permiten realizar melloras nas súas instalacións ou adquirir novo equipamento para desenvolver distintas actividades”.
Tamén destacou Vázquez “a iniciativa das distintas asociacións” que solicitaron a axuda para facer realidade proxectos concretos. Así, a asociación veciñal e cultural Monte do Calvario recibiu 12.000 euros para o acondicionamento da antiga casa reitoral de Alba. No caso da asociación de veciños Santa Eulalia de Román, obtiveron 8.995 euros para mellorar as infraestruturas da casa escola de Román. A asociación de veciños de Carballido executou obras e adquiriu equipamento para a escola cunha axuda de 17.000 euros (12.000 para as obras e 5.000 para equipamento). A Xunta tamén lle concedeu 12.465 euros á asociación de veciños O Picouzo – Ladra para acondicionar o segundo andar do seu local social e a adquisición dunha estufa de pellets e un proxector.
Máis diñeiro para axudar a máis asociacións
Vázquez destaca que “o Goberno galego ten en consideración o traballo e esforzo das asociacións veciñais” e por iso “este ano incrementou a partida económica para que máis asociacións puidesen optar a estas axudas”.