O PP identifica na Terra Chá as propostas da provincia para os Presupostos Xerais do Estado de 2025

TerraChaXa
Os representantes do PP na Cámara Baixa reforzan así “o contacto directo” co territorio e comprométense a levar ao Congreso as reivindicacións dos Concellos
Deputados-nacionais,-alcaldes-e-portavoces-Terra-Chá
29 sep 2024

Os deputados do PP lucense no Congreso, Francisco Conde, Jaime De Olano e Cristina Abades iniciaron na Terra Chá reunións de traballo neste novo curso político para identificar as propostas da provincia de Lugo aos Presupostos Xerais do Estado do vindeiro ano 2025. O secretario xeral do PP lucense, Javier Vázquez Nodal, alcaldes, portavoces e concelleiros da comarca analizaron durante o encontro “os temas que máis preocupan na comarca” e comprometéronse a levar ao Congreso as reivindicacións dos concellos.

Tamén abordaron, entre outros asuntos de actualidade, as necesidades da provincia en materia de infraestruturas, as demandas dos gandeiros ao Goberno de España, a débeda do Estado en materia de dependencia ou o financiamiento territorial. Estes encontros cos que reforzan o “contacto directo” co territorio teñen un dobre obxectivo: achegar o traballo que desenvolven no Congreso dos Deputados e recoller as propostas que os veciños lles trasladan aos seus representantes en cada concello para levalas á Cámara Baixa. A seguinte xuntanza será na comarca da Montaña.

Os populares convidan ao Goberno de Sánchez a “poñerse do lado dos gandeiros e rebaixar a protección do lobo en consonancia co acordado pola UE e co que demanda Galicia”. E lembraron que “o PSOE e Teresa Ribera -aínda ministra de Transición Ecolóxica do Goberno de Sánchez- votaran en contra no Consello da Unión Europea de rebaixar o status do lobo de especie ‘estritamente protexida’ a especie simplemente ‘protexida’ de forma que se permita o control da especie en territorios con superpoboación”. Tan só España e Irlanda se opuxeron a esta adaptación da normativa comunitaria.

“Este comportamento evidencia que a socialista non vai defender en Europa os intereses dos gandeiros lucenses nin da Terra Chá que sofren directamente as  perdas que supoñen os ataques do lobo”, indican. Galicia ten defendido en numerosas ocasións a necesidade de “adaptar a protección do lobo á realidade do noso territorio” para “garantir a compatibilidade da especie coa actividade gandeira”.

E ante as declaracións recentes do propio presidente do Goberno de que España manterá o status de protección do lobo, que foi incluído na LESRPE (Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial) fai tres anos; os deputados no Congreso seguirán impulsando iniciativas para que o Goberno de España rebaixe o seu status, tal e como acordaron esta mesma semana os representantes dos países da Unión Europea.

0.071036100387573