O PP inicia os contactos con Vilalba Aberta e BNG buscando apoios para unha moción de censura

O Partido Popular manterá encontros con Vilalba Aberta e BNG a vindeira semana despois de iniciar os contactos dando os primeiros pasos para dialogar e tratar de chegar a acordos para ofrecer “un goberno alternativo” ao actual goberno liderado pola alcaldesa socialista Marta Rouco.
Así o acordaron os concelleiros do Grupo Municipal Popular e o comité executivo do PP de Vilalba que preside Sandra Vázquez nunha reunión de traballo na que participou a presidenta provincial do Partido Popular, Elena Candia, e na que analizaron a actualidade política no municipio e a súa incidencia no goberno no Concello.
Os populares subliñan que, “como forza máis votada polos vilalbeses nas últimas eleccións municipais, temos a responsabilidade de ofrecer un cambio de rumbo á fronte do Concello, cun proxecto que faga avanzar ao noso concello; pero que non será posible sen o apoio de Vilalba Aberta e BNG”.
A presidenta local do PP manifesta a vontade dos populares de “chegar a acordos” en cuestións que “para nós son prioritarias” como promover o asentamento de novas empresas ou facilitando a expansión das existentes a través da ampliación do polígono industrial e do impulso do PXOM ou a elaboración dun plan integral de arranxo e mantemento da rede de vías municipais, especialmente dirixido ás parroquias do rural -onde se atopan nun estado de deterioro avanzadísimo e onde as obras que está realizando o goberno local na actualidade non garante a súa durabilidade en bo estado-”.
Os populares tamén apostan pola creación de aparcamentos alternativos para “desconxestionar moitas das rúas en Vilalba” despois do caos circulatorio ao que o actual goberno someteu ao casco urbano e pola apertura do Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba (MUPAV), entre outros proxectos para o municipio.