O PP insta a Sánchez a axilizar a negociación coa UE para o uso de drons na aplicación de fitosanitarios

GaliciaXa | TerraChaXa
Os deputados comproban, en Vilalba, os danos do verme defoliador do millo e a eficacia dos produtos autorizados
fitosanitarios-aplicacion
3 Jul 2026

O PPdeG reivindicou o uso de drons para a aplicación de produtos fitosanitarios autorizados, á vista da súa importancia na loita contra o verme defoliador do millo, o cal está a afectar aos cultivos das ganderías galegas.

Os deputados do Grupo Parlamentario Popular, Nicole Grueira e Enrique Barreiro, comprobaron, xunto á presidenta do PP de Vilalba, Sandra Vázquez, e concelleiros da formación no municipio, os danos provocados por este invertebrado nas plantas dunha das parcelas cultivadas pola SAT Revolta.

A aplicación de fitosanitarios de forma urxente, unha vez detectados os primeiros síntomas -devoran as follas chegando a deixar unicamente o nervio central-, é fundamental para o control da praga. E, á vista de que os ovos poden chegar a eclosionar tres veces durante o ciclo de produción do millo, tal e como advirten os propios técnicos, incluso pode requirirse en máis dunha ocasión.

Tendo en conta que o uso de drons para a aplicación de produtos específicos de xeito aéreo permite reducir os custes de produción e aumenta a eficacia con respecto ao uso dos medios mecánicos tradicionais que, unha vez o millo alcanza un alto grao de crecemento, danan a colleita; “faise necesario contar con tratamentos específicos que poidan aplicarse de xeito aéreo”. Polo tanto, urxen ao Goberno de Sánchez a que “axilice as negociacións ante a Unión Europea”.

Os populares tamén puxeron en valor o traballo dos técnicos e dos propios gandeiros tanto á hora de detectar a praga, que sendo nunha fase temperá permite aplicar fitosanitarios autorizados para evitar a perda da colleita, coma á hora de tomar as medidas necesarias para tratar de evitar a perda dun cultivo fundamental para as granxas por tratarse dunha das principais forraxes para o gando.

SEGUROS AGRARIOS

As perdas pola afectación do verme defoliador do millo poden ser cuantiosas para as explotacións gandeiras, toda vez que “non só se perderían o investimento na colleita -dende o cultivo ata a recolección-, senón que tamén terían que facer fronte á compra de forraxe que, nun contexto de pouca oferta e alta demanda, dispararía os custes de produción”.

Os populares consideran “fundamental” que os seguros agrarios cubran estes danos, igual que xa se ten solicitado para o mildio que afecta á vide ou a Dermatose Nodular Contaxiosa. Neste punto, recordan que a propia conselleira de Medio Rural así o trasladaba aos representantes de Unións Agrarias durante unha recente reunión.

Así mesmo, os deputados autonómicos lembran que a Xunta ampliou en 1,5 millóns de euros o orzamento para apoiar a subscrición de pólizas ata chegar aos 11 millóns de euros este ano “que supoñen unha importante bonificación para os agricultores e gandeiros”.

0.12805199623108