O PP leva ao Senado a situación da antiga Casa Sindical de Vilalba para coñecer o seu futuro

O PP leva ao Senado o abandono da antiga Casa Sindical de Vilalba e esixe coñecer o seu futuro a través dunha resposta oficial por parte do Goberno. Para iso, os representantes lucenses na Cámara Alta -José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- diríxense formalmente ao Ministerio de Traballo e Economía Social a petición do PP de Vilalba para coñecer que uso ten previsto para o inmoble.
Os populares explican que “este edificio, na actualidade, permanece sen uso”. E engaden que “se está deteriorando porque ten goteiras”; pero “é totalmente recuperable”. De feito, unha vez acondicionado poderíase aproveitar por parte do Concello ou de asociacións e colectivos de Vilalba.
Os populares consideran “unha pena desaproveitar un inmoble público situado nunha ubicación céntrica, na Praza da Constitución, e con potencial para albergar servizos ou equipamentos de interese para os veciños e veciñas”. Nese sentido, tamén se preguntan se o goberno local que preside a alcaldesa socialista “se interesou ante o Goberno de España polo estado deste inmoble público”.
O propio Goberno confirmou en resposta a unha iniciativa parlamentaria previa dos senadores na Cámara Alta que a antiga Casa Sindical é un inmoble de titularidade da Administración Xeral do Estado integrada no Patrimonio Sindical Acumulado que xestiona o Ministerio de Traballo e Economía Social.
O edificio foi construído en torno ao ano 1960 e destinado orixinalmente a distintos
usos administrativos. Máis recentemente o inmoble e as súas dependencias acolleron diferentes sede de organización sindicais e agrarias.