O PP pide á Deputación atención nas estradas que se cruzan co Camiño de Santiago

TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O Grupo Provincial Popular solicita ao goberno da Deputación de Lugo un plan de medidas dirixidas a garantir a seguridade do tódolos usuarios nos puntos nos que as vías provinciais conflúen con algunha das rutas do Camiño de Santiago ao seu paso pola provincia de Lugo.
perigo zonas union camino santiago estradas
perigo zonas union camino santiago estradas
17 oct 2023

O Grupo Provincial Popular solicita ao goberno da Deputación de Lugo un plan de medidas dirixidas a garantir a seguridade do tódolos usuarios nos puntos nos que as vías provinciais conflúen con algunha das rutas do Camiño de Santiago ao seu paso pola provincia de Lugo.

Os populares convidan ao goberno provincial a “escoitar aos que máis saben do Camiño para tomar as medidas que sexan máis convenientes”. De feito, o portavoz, Antonio Ameijide, comprobou xunto ao presidente da Asociacións de Amigos do Camiño na provincia de Lugo, Ángel Trabada, a perigosidade de varios puntos do Camiño de Santiago ao seu paso pola provincia. Entre eles, os que coinciden coas estradas provinciais LU-P-2101 ao seu paso por Guitiriz e a LU-P-2113 ao su paso por Friol.

Pola nosa provincia discorren varias rutas do Camiño de Santiago -algunhas delas declaradas Patrimonio Mundial da Humanidade como é o caso do Camiño Norte, o Camiño Primitivo e o Camiño Francés- coincidindo ou cruzándose con vías de titularidade da Deputación de Lugo que, na maioría dos casos, “son estreitas e carecen de marxes ou cunetas e nas que comparten espazo vehículos e peóns, maioritariamente peregrinos”.

“Estas condicións, que se agravan en zonas de escasa visibilidade, supoñen un perigo para os seus usuarios, tanto para viandantes coma para os vehículos que as empregan a diario”, apunta Ameijide que considera aínda máis necesarias as actuacións de mellora tendo en conta que “o número de peregrinos que percorren as rutas xacobeas aumenta cada ano”.

Ameijide destaca que “o Camiño de Santiago forma parte dos sinais de identidade de Galicia e, á súa vez, constitúe un gran reclamo turístico para a nosa comunidade en xeral e para a provincia de Lugo en particular”. O Grupo Provincial Popular, que lle pide ao goberno da Deputación “implicación” co desenvolvemento da provincia, incide nesta ocasión “no reforzo da seguridade viaria nas estradas provinciais como medida de apoio ao Camiño de Santiago e o que supón para o sector turístico da provincia”.

Os populares propoñen un plan que inclúa a mellora da sinalización -atendendo á normativa vixente-, a adecuación das estradas nos tramos comúns coas rutas xacobeas, por exemplo, coa adecuación das vías ás necesidades dos veciños e peregrinos para reducir a súa perigosidade ou coa construción de sendas paralelas ás estradas onde non existan, pero si sexa posible.

PUNTOS A MELLORAR

O voceiro explica que a rede viaria provincial conflúe en numerosos lugares con algunha das rutas xacobeas e son varios os puntos que requiren actuacións de mellora. Así, os populares teñen reclamado en numerosas ocasións, atendendo ás demandas dos veciños do Burgo, no Concello de Lugo, a construción dunha circunvalación na LU-P-2901 e unha senda peonil porque rexistra un gran tráfico de vehículos que comparten vía nun treito de 15 quilómetros con numerosos peóns, tanto veciños coma peregrinos.

Recentemente, tamén advertían dende o Grupo Provincial do PP das deficiencias na LU-P-4001 que comunica Pedraza con Coto, no municipio de Palas de Rei, onde reclamaban a renovación do asfalto, o seu ancheamento e a habilitación de cunetas practicables ou, se houbera dispoñibilidade, un sendeiro independente pola marxe da estrada para garantir a seguridade dos peóns.

Os populares convidan a estudar as necesidades da totalidade dos tramos das estradas provinciais que coinciden coas catro rutas xacobeas recoñecidas na provincia: o Camiño Primitivo, o Camiño Francés, o Camiño Norte e o Camiño de Inverno.

No caso da Xunta de Galicia, “o seu compromiso coa seguridade no Camiño de Santiago é claro”, indica Ameijide. De feito, no ano 2022 o Goberno galego investiu 6,1 millóns de euros en actuacións de conservación dos Camiños e 1,4 millóns de euros en 70 actuacións para mellorar a seguridade viaria en estradas da súa titularidade que conflúen con algunha das rutas xacobeas.

Entre algúns dos puntos nos que o goberno autonómico aplicou medidas para garantir a seguridade atópanse os 1,5 quilómetros da LU-530 ao seu paso por Carballido en Lugo no Camiño Primitivo; un cruzamento na LU-633 en Triacastela, no Camiño Francés ou un treito da vía autonómica LU-132 ao seu paso por Trabada, no Camiño Norte.