O PP pide ao Goberno da Deputación que apoie a actualización do Plan xeral de normalización do galego

Os deputados do Grupo Provincial Popular defenderán no vindeiro pleno unha moción para que o pleno da corporación provincial dea o seu apoio á actualización do Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobada no Parlamento de Galicia o 7 de outubro.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, explica que “cómpre apoiar esta actualización, froito dun proceso de traballo, diálogo e participación que busca adaptar as políticas de promoción do galego ás novas formas de socialización e favorecer o seu uso en todos os ámbitos da vida pública”.
Por este motivo, as administracións públicas teñen a responsabilidade de garantir o uso normal e oficial tanto do galego como do castelán, potenciando o emprego do idioma galego nos distintos ámbitos da sociedade.
O voceiro popular destaca “a importancia de manter o consenso arredor da lingua”, unha liña de traballo que xa permitiu aprobar por unanimidade no Parlamento galego tanto a Lei de normalización lingüística de 1983 como o Plan xeral de normalización da lingua galega, polo que “tamén é importante apoiar os avances que permitan actualizar este marco e responder aos novos retos sociais”.
A actualización do Plan é o resultado dun amplo proceso de participación impulsado polo Goberno galego no marco do Pacto pola lingua. O documento recolle case 700 medidas, elaboradas a partir do traballo de máis de 130 profesionais de diferentes sectores e das 1.400 achegas recibidas de institucións, asociacións, entidades e particulares, a través de máis de 400 contactos e dunha caixa de correo habilitada para este fin.
Cómpre recordar que este documento pon en valor o diálogo desenvolvido durante semanas entre todos os grupos representados na Cámara galega, excepto o BNG. “As negociacións permitiron incorporar achegas e enriquecer o documento inicial, mantendo os aspectos fundamentais do traballo realizado polas comisións especializadas”, destacou.