O PP pide explicacións ao goberno de Vilalba pola situación da Policía Local

O PP de Vilalba reclamou este luns explicacións ao goberno municipal sobre a situación da Policía Local, ao considerar que o servizo está a sufrir unha falta de efectivos que afecta á atención á cidadanía.
Segundo indican os populares, recibiron queixas de veciños que aseguran non conseguir contactar coa Policía Local durante parte da xornada. A formación afirma que houbo momentos nos que non había efectivos de servizo e considera necesario que o Concello adopte medidas para garantir a prestación deste servizo.
O grupo municipal tamén lembra que, segundo sostén, a quenda nocturna xa deixara de prestarse anteriormente e considera que a cobertura das vacantes debería acelerarse para recuperar a normalidade.
Neste sentido, o PP critica que o Concello optase por convocar as novas prazas mediante un proceso propio en lugar de adherirse ao sistema da Axencia Galega de Seguridade Pública (AGASP), unha decisión que, ao seu xuízo, prolonga os prazos para incorporar novos axentes.
Por este motivo, os populares solicitan ao executivo local que informe sobre a situación actual do servizo, os motivos da falta de efectivos e as medidas previstas para garantir a cobertura da Policía Local.