O PP pide explicacións sobre a xestión do FIV

TerraChaXa
Os populares veñen de rexistrar unha solicitude para que o goberno do PSOE achegue documentación en relación ao FIV 2021
fiv 20211
fiv 20211
15 dic 2021

Os populares de Vilalba esixen explicacións ao goberno socialista sobre a xestión do FIV 2021. Concretamente, veñen de rexistrar formalmente unha solicitude para que se lle achegue documentación ao Grupo Municipal Popular en relación ao FIV celebrado entre o 17 e o 19 de setembro en Vilalba no que se refire tanto a gastos e ingresos, coma aos contratos, convenios e informes.

A voceira, Sandra Vázquez, explica que “a xestión do FIV foi moi criticada polos socialistas cando estaban na oposición”; pero agora co PSOE no goberno local “e a piques de cumprirse os tres meses dende a súa celebración, descoñecemos o custe total do evento e o balance sobre a súa repercusión económica”. Para os populares isto demostra, unha vez máis, “a falta de traballo e de xestión deste goberno municipal”, condena.

O Grupo Municipal Popular solicita unha copia do expediente do FIV 2021 con documentación relativa aos contratos e facturas de produción, SGAE, equipos de son e iluminación, instalacións eléctrica e alugueiro de grupos electróxenos, coordinación de montaxe de infraestruturas, carpa, escenario, valados, mesas e cadeiras, maquinaria, limpeza e desinfección, seguridade e control de accesos, backline, venda de entradas, persoal de taquilla, catering, alugueiro de aseos portátiles, deseño gráfico e imaxe, audiovisual e fotografía, documental, xestión de redes sociais, páxina web, pulseiras, aloxamento, seguros, servizos de asistencia sanitaria e as correspondentes ao Plan de Prevención e Autoprotección.

Tamén queren coñecer os convenios e solicitudes de subvencións, os contratos de patrocinios e a liquidación da recadación das entradas. Igualmente, solicitan a copia do propio Plan de Prevención e Autoprotección, así coma do Plan de Coordinación de Actividades Empresariais do FIV 2021 e do informe sobre o non cumprimento das medidas sanitarias a noite do sábado 18/09/21 que motivou a intervención da Garda Civil dentro do recinto principal.

O Grupo Municipal Popular, dentro do seu labor de fiscalización e control ao goberno local, esixe coñecer polo miúdo estes e outros datos do FIV 2021 como é o caso do número de asistentes reais, é dicir, de entradas validadas en porta, tanto no recinto do Campo da Feira como en cada un dos concertos celebrados no Auditorio Municipal Carmen Estévez e á proxección do documental “Paco Loco: viva el noise”.