O PP propón a Tomé a creación dunha mesa sectorial para a reactivación económica
O grupo do PP confía en que o presidente da Deputación, o socialista José Tomé, tomara nota dos seus recentes erros e da necesidade que tivo de emendalos seguindo as indicacións dos populares e que, apoiado nesa experiencia, esta vez atenda á primeira a solicitude que acaba de facer o Partido Popular: creación dunha mesa multisectorial na Deputación, con reunións por videoconferencia, para deseñar as liñas de apoio desta institución á reactivación económica da provincia. O portavoz popular, Javier Castiñeira, lembra a Tomé que, como se atribúe con frecuencia a Concepción Arenal, o erro é arma que sempre se acaba por disparar contra quen incorre nel.
Coa expresa vontade de colaborar, de aportar ideas e iniciativas para que a Deputación cumpra o seu papel, que, nas actuais circunstancias, pode ser decisivo para a reactivación da economía na provincia, seriamente danada como consecuencia da crise sanitaria, o grupo provincial do PP acaba de facer unha nova proposta ao presidente da Deputación: a constitución dunha mesa multisectorial, que celebre reunións por medios telemáticos, formada polos portavoces dos grupos provinciais e por representantes dos principais sectores económicos e produtivos da provincia. Javier Castiñeira, convencido da necesidade de sumar esforzos e de evitar a comisión de erros que, no mellor dos casos, só fan retrasar decisións necesarias, lembra que o PP solicitou no seu momento que a pasada sesión plenaria se celebrase de modo telemático e o presidente da Deputación negouse, pero, finalmente, tivo que aceptar, porque non podía ser doutro xeito, a proposta popular. Tamén se resistiu José Tomé a comprar material de protección sanitaria para repartir aos concellos, pero finalmente, tal como lle dicía o PP, tivo que compralo. Son dous exemplos que espera que axuden ao socialista José Tomé a aceptar a proposta que agora faia o PP.
Castiñeira recorda que o seu grupo solicitou a primeiros de mes a convocatoria dunha reunión telemática da xunta de portavoces para deseñar medidas de aplicación directa pola Deputación nos concellos, tanto fronte a crise sanitaria propiamente dita como para paliar as consecuencias no tecido produtivo da provincia. O goberno provincial non se molestou nin en dar resposta a tal solicitude. Agora, o portavoz popular espera que non pase o mesmo con esta iniciativa para a constitución dunha mesa multisectorial.
O portavoz popular na Deputación, como xa se informou, mantén unha rolda de conversas telefónicas con representantes de distintos sectores (hostalería, comercio, construtores, CEL, AJE, federación de confrarías, asociación de madeiristas, etcétera), contactos que lle permiten ter unha clara radiografía da difícil situación económica e o convencemento de que a Administración ten que intervir; no ámbito provincial son precisas actuacións decididas da Deputación para estimular a economía.
Javier Castiñeira di que esta crise é un desafío a todos os que se dedican á política, un dos máis grandes, senón o máis grande, ao que se enfrontan os políticos españois en moitas décadas. É, di Castiñeira, unha gran ocasión de demostrar que Jardiel Poncela estaba equivocado e que non é certo que “el que no se atreve a ser inteligente se hace político”. Unha vez máis anima ao socialista José Tomé a actuar con vontade de acordo e a contar coa sociedade; espera que atenda a solicitude de constitución da mesa multisectorial e non repita os erros do pasado. “Veñen meses moi difíciles; recapacite, señor presidente da Deputación e inicie unha etapa de consenso e de traballo en equipo, así evitará que a provincia sufra as consecuencias da súa falta de planificación, da improvisación e de chegar sempre tarde”, declarou o portavoz popular.