O PP provincial responsabilízase do investimento de 21 millóns de euros na comarca
Elena Candia, presidenta provincial do Partido Popular, asegurou en Vilalba que o traballo do PP na Deputación e na Xunta de Galicia supuxo para a comarca un total de 21 millóns de euros de investimentos dirixidos á mellora das infraestruturas e á calidade de vida dos veciños da comarca chairega, que inclúe aos concellos de Abadín, Begonte, Guitiriz, Muras, A Patoriza, Vilalba e Xermade.
A presidenta provincial do PP fixo esta afirmación no transcurso dunha xuntanza na que participaron alcaldes, edís, voceiros e presidentes das agrupacións locais dos oitos municipios da comarca que contou tamén coa presenza do secretario xeral do partido, Carlos Armesto.
Neste senso, Elena Candia indicou que as negociacións dos populares fixeron posible un cambio nas contas, conseguindo que a administración provincial rompa coa súa “tónica partidista” e atenda “a todos os concellos”. Indicou que precisamente, a raíz das propostas populares, a Deputación destinou en 2017 a estas entidades locais 2,6 millóns de euros co Plan Único, que se volverá a repetir en 2018, e dentro do Plan de Rehabilitación de Estradas, que se executará este ano, achegará 1,8 millóns de euros para o arranxo de vías provinciais.
En concreto, no ano 2018 os créditos iniciais para este Plan Único 2018 son de 11,3 millóns previstos nas consignacións do orzamento (no exercicio anterior eran 10 millóns) e serán ampliados mediante modificacións orzamentarias. Os criterios obxectivos de reparto serán aprobados polo Pleno e terán en conta os aplicados no ano 2017 e unha vez proposto o destino concreto polos Concellos da Provincia, o Pleno da Deputación, igual que no ano 2017, debe aprobalos coas modificacións orzamentarias correspondentes.
Elena Candia tamén precisou que, froito “de que estamos a ser a panca de cambio na xestión da Deputación”, nos orzamentos de 2018 mantense o compromiso orzamentario do SAF, cuxa dotación ascende a 1.500.000 euros, e se inclúe no Plan Único de Cooperación cos Concellos, para igualar como mínimo a achega do ano 2016.
No marco deste compromiso e traballo dos populares, a dirixente provincial tamén explicou que “seguiremos traballando” para que a institución luguesa cumpra os compromisos asumidos cos Concellos desta zona, como é o caso de A Pastoriza, e a súa piscina; unha actuación que foi adxudicada xa no ano 2009 en máis de 1,5 millóns de euros, e que está xerando un custo de mantemento de 16.000 euros, a pesares de estar pechada.
Na reunión tamén deron conta do investimento da Xunta de Galicia nesta comarca. Concretamente, estes municipios percibiron o pasado ano máis de 12,8 millóns de euros; cantidade á que hai que engadir os máis de 4,5 millóns que figuran consignados no proxecto presupostario de 2018. En total, máis de 17 millóns de euros en só dous anos que están a ser destinados ao Fondo de Cooperación Local, á incorporación de mozos ao rural e axudas da PAC, á pavimentación e saneamento vías e espazos públicos, á potenciación do turismo local coa sinalización de espazos e a subvención de distintas actividades gastronómicas e culturais, así como á mellora de distintos centros educativos (CEIPs Virxe do Corpiño de Begonte, Mazo Vizoso de Vilalba e Virxe do Monte de Cospeito, e IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz), ao polígono industrial de Begonte ou á mellora da estación de autobuses vilalbesa.
No marco deste investimento tamén se inclúen os obradoiros de emprego e a contratación de persoal ao abeiro das axudas que concede a consellería de Emprego e Industria, así como as achegas destinadas á Axuda no Fogar.
.