O PP reclama á Deputación a reparación inmediata dunha ponte en Muras

Os deputados do Grupo Provincial Popular pedirán no vindeiro pleno que PSOE e BNG arranxen de inmediato unha ponte na estrada provincial LU-P-6502, en Muras, que está “completamente rota, chea de fochancas, buratos e algúns dos seus piares están danados”.
Así o comprobou o voceiro do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide, xunto á voceira do PP de Muras, Eugenia Requeijo, e varios veciños da zona.
Antonio Ameijide denuncia o grave estado no que se atopa a LU-P-6502, titularidade da Deputación de Lugo, que conta cun treito cortado ao tráfico dende hai semanas debido ao estado de ruína desta ponte pola que xa non pode circular ningún vehículo, ademais de presentar numerosos danos no resto do seu percorrido, como cunetas sen limpar que provocan enormes balsas de auga, moi perigosas para a circulación.
Ameijide explica que a ponte presenta importantes danos estruturais, con grandes fochancas e buratos no firme, ademais de varios piares deteriorados que poñen en risco a súa estabilidade e a seguridade das persoas usuarias da vía. Por este motivo, reclama ao goberno provincial do PSOE e do BNG que “actúe de inmediato para reparar esta infraestrutura esencial para a mobilidade da zona”.
O voceiro popular lembra que o corte desta estrada provincial afecta directamente aos veciños, así como aos empresarios propietarios de explotacións agrogandeiras, que se vén obrigados a realizar rodeos de ata 20 quilómetros para poder desprazarse, coa conseguinte perda de tempo e incremento dos custos nos desprazamentos.
“A situación da LU-P-6502 é un exemplo máis da escasa preocupación do goberno provincial polo mantemento das estradas provinciais”, sinala Ameijide, quen critica que “o mantemento non se inaugura nin vende titulares nos medios de comunicación, e por iso PSOE e BNG non lle prestan a atención que merece”.
Ademais, Ameijide advirte de que os veciños de Muras están a buscar rutas alternativas, como a estrada que vai dende A Irixoa ata A Balsa, concretamente o tramo comprendido entre o lugar de Pazo ata despois de Sabucedo, que tamén presenta un estado moi deficiente, cheo de baches e desperfectos.
Dende o Grupo Provincial Popular insisten en que o mantemento adecuado das estradas provinciais é fundamental para garantir a seguridade viaria, apoiar a actividade económica do rural e evitar o illamento dos veciños, polo que reclama ao goberno provincial que actúe con responsabilidade e urxencia.