O PP reclama unha actividade continua do Consello Provincial de Turismo

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Din que debe ser un órgano con contidos, no que se proporcione documentación aos asistentes e no que se tomen decisións polo ben da promoción da provincia de Lugo
premio-consello-turismo-deputacion
10 sep 2024

Esta semana celébrase unha nova xuntanza do Consello Provincial de Turismo, unha xuntanza ante a que o voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, pregunta “que sentido ten convocar este órgano se non se emprega adecuadamente”.

Antonio Ameijide apoia esta pregunta en que no regulamento do Consello Provincial de Turismo se estipula que a Deputación debe realizar a difusión e promoción turística da provincia, “algo que non o están a facer xa que non hai plan para o turismo da provincia dende a Deputación de Lugo”. “A realidade é que tanto PSOE como BNG van ao que xurde”, lamentou.

Antonio Ameijide fai esta reflexión previa á xuntanza xa que “en anteriores reunións vimos como non se deu ningún tipo de documento previo para poder estudalo, así como se puxeron trabas durante a xuntanza para que se tivese en conta a nosa opinión”. “Para o único que empregan o Consello Provincial de Turismo é para dar unha rolda de prensa a porta pechada para deixar quedar ben a José Tomé”, criticou.

Un exemplo deste bloqueo é que previamente á ultima xuntanza, celebrada en febreiro, dende o Grupo Provincial Popular se solicitou “ata en dúas ocasións” a documentación referente ao único punto da orde do día. A segunda das solicitudes realizouse vía correo electrónico o 12 de febreiro de 2023 e non houbo resposta ata unha semana despois, o 19 de febreiro, “sinalando unicamente que a información pedida en referencia a ese punto era un avance informativo”.

"O Consello Provincial de Turismo debe ser un órgano con contidos, no que se proporcione documentación aos asistentes e no que se tomen decisións polo ben da promoción da provincia de Lugo en lugar de ser un ente no que unicamente se promociona a figura de José Tomé e os seus escollidos do PSOE”, din.

Antonio Ameijide tamén aproveita para destacar “a gran labor” que fai o sector privado para o turismo da provincia. “De non ser por hoteleiros, hostaleiros e todos os empresarios e autónomos vinculados a este sector, non sei como nos iría a Lugo nin quen ía vir, a vista da nula política turística por parte da deputación provincial”, afirmou.

De feito, dende o Grupo Provincial Popular consideran “oportuno e necesario” realizar xuntanzas periódicas con representantes do sector para “escoitar aos que mellor coñecen o turismo na provincia e coñecer os seus puntos de vista para acadar unha xestión eficaz da promoción de Lugo”.

Antonio Ameijide pregunta “que sentido ten convocar este órgano se non se emprega adecuadamente”, unha pregunta que apoia en que no regulamento do Consello Provincial de Turismo se estipula que a Deputación debe realizar a difusión e promoción turística da provincia, “e non o están a facer”. “Estamos fartos da promoción da imaxe de Tomé e dos mítines políticos que fan neste órgano”, finalizou.

PREMIOS TURISMO

Dende o Grupo Provincial Popular amosaron a súa satisfacción tras ver como “a presión exercida dende o ano pasado, nesta ocasión serviu para que traballasen para entregar todos os galardóns que se recoñecen dentro dos Premios de Turismo”.

Antonio Ameijide recorda que o ano pasado “quedou patente o fracaso do modelo de Tomé” xa que unicamente se entregou un premio entre todas as categorías recoñecidas. “Alégranos ver que este ano se entregarán todas as distincións”, explicou, “pese a que a participación que nos dan é nula”.

0.060644865036011