O PSOE arrebata Vilalba ao PP e renova as alcaldías de Guitiriz, Meira, Pol e Xermade

TerraChaXa
Todos os veciños lucenses exerceron o seu dereito ao voto nas eleccións municipais deste domingo 26 de maio, nas que o PSOE, cun 32,51%, e o PP cun 39,07%,  foron os partidos máis votados en toda a provincia seguidos do BNG cun 12,15%.
hdr
27 Maio 2019

Todos os veciños lucenses exerceron o seu dereito ao voto nas eleccións municipais deste domingo 26 de maio, nas que o PSOE, cun 32,51%, e o PP cun 39,07%,  foron os partidos máis votados en toda a provincia seguidos do BNG cun 12,15%. A participación nestes comicios subiu un 1% con respecto aos anteriores.

Nas eleccións europeas o PSOE obtivo a vitoria en Galicia, impoñéndose ao PP por máis de 5 puntos e gañando na Coruña e Pontevedra. O PP mantén a vitoria nas provincias de Lugo e Ourense e o BNG terá presenza en Europa.

Poucos cambios aportarán estas eleccións municipais na Terra Chá, onde o PP segue mantendo os seus feudos habituais neste primeiro reconto agás en Vilalba, onde Agustín Baamonde perdeu a maioría absoluta e dous escanos que pasan para o PSOE que lidera Elba Veleiro, que pasa a ter 8 concelleiros, fronte aos 6 que tiña, co que é a forza máis votada. Vilalba Aberta sumou un concelleiro máis tras quedarse co que tiña o BNG que queda fóra do Pleno municipal.

Así, en Abadín, renova o PP a súa maioría malia baixar un concelleiro e dobrar o PSOE a súa representación, xa que se quedou co concelleiro que perdeu o actual alcalde e co que tiña o BNG, que este ano non presentou candidatura.

En Begonte tamén venceu e revalidou Alcaldía o PP, que incluso subiu un concelleiro chegando a ter 9 fronte aos 2 do PSOE. O BNG non logrou representación.

En Castro o PP volve a ocupar o sillón principal igualando o número de concelleiros en 8 e logrando o PSOE o mesmos 4 da anterior lexislatura e o BNG o 1 que obtivo anteriormente.

Tras o erro inicial na contabilidade, Cospeito segue a ter maioría do PP e mantén a mesma distribución que na lexislatura anteior, 6 para os populares, 4 para PSOE e o BNG repite cun único representante.

Espectacular subida a que experimentou en Friol José Ángel Santos, que acada os 10 concelleiros (tiña 8) deixando só 1 para o PSOE e quedando fóra do Pleno o BNG.

Marisol Morandeira, que sustitúe a Regina Polín ao fronte do PSOE de Guitiriz fixo ben os seus deberes e revalidou a maioría que lle permite gobernar xa que obtén 7 concelleiros fronte os 5 do PP e o 1 do BNG. Ao final CG non obtivo representación.

En Meira o PSOE repite na Alcaldía pero o fará con 6 concelleiros, un máis dos obtidos no 2015  e o PP desplómase ata 1 único concelleiro. Galicia Siempre, recén chegado á vida política, e o BNG tamén logran un representante cada un.

En Muras, repiten composición plenaria co BNG e o PP empatados con 3 concelleiros e o PSOE logra 1 que lles permite aos dous de esquerdas revalidar a coalición de goberno dos últimos catro anos.

Os veciños de Outeiro de Rei non fixeron caso da variedade de partidos que presentaron candidatura e o PP volveu gañar con comodidade sumando un concelleiro ata chegar a 9. O BNG tamén sumou un máis polo que agora é a segunda forza con 3 escanos. Finalmente o PSOE repite con un e Cidadáns, FLI e Independentes quedan fóra.

En Pastoriza o PP tivo un retroceso perdendo un concelleiro e igualando en escanos ao PSOE. Eses votos perdidos nos populares engrosaron a listaxe do BNG que sobe de 2 a 3 concelleiros. Todo parece indicar que podería revalidarse o pacto de goberno.

En Pol, Lino Rodríguez Ónega logra unha aplastante maioría socialista de novo repetindo os 7 concelleiros que tiña. Mentres os dous restantes, que tiña o PP dende 2015, repártense entre os populares e o BNG.

En Rábade, os Independentes e PP quedan como estaban, con 4 concelleiros cada un e será o PSOE, de novo, repetindo cun concelleiro, a chave de goberno, se volven revalidar o pacto co que gobernaron estes últimos catro anos.

En Riotorto, os veciños votaron pola reelección do alcalde, que acadou 6 escanos fronte aos 2 do PSOE e 1 do BNG. Clemente Iglesias volverá a liderar a alcaldía riotortense tras revalidar a maioría absoluta acadada nos comicios.

Finalmente o PSOE faise forte novamente en Xermade, revalidando os seus 5 escanos que lles permiten gobernar agora en maioría absoluta tras perder dous escanos polo descenso de poboación. Deste xeito, o PP queda con 3 e o BNG con 1, perdendo un cada un.

Nas Pontes o PSOE suma un escano máis e chega a 12 concelleiros, o BNG mantén os mesmos 3 que tiña e Xuntos polas Pontes baixa a 1, o mesmo mantén o PP.

0.16070699691772