O PP sospeita do nomeamento de Sonia Verdes como directora da Granxa Gayoso Castro

TerraChaXa | LugoXa
Para o PP, o recente ascenso da ex deputada socialista Sonia Verdes a directora provisional da granxa Gayoso Castro agranda as sospeitas.
27 Maio 2021

Para o PP, o recente ascenso da ex deputada socialista Sonia Verdes a directora provisional da granxa Gayoso Castro "agranda as sospeitas sobre a política de persoal de Tomé".

"A política de persoal que desenvolve o goberno provincial non acaba de librarse da sombra da sospeita; antes ao contrario, o presidente José Tomé parece empeñado en que esa sombra sexa cada vez máis intensa", di o portavoz popular, Javier Castiñeira, quen explica que “no  pleno, o goberno da Deputación de Lugo confirmou ao grupo do PP o ascenso da señora Sonia Verdes, ex deputada autonómica polo PSOE, como directora provisional da granxa Gayoso Castro, en substitución do recentemente xubilado, ex alcalde socialista de Triacastela, Miguel Ángel Fernández”.

Castiñeira sinala: “No PP non nos sorprende para nada esta situación de ascenso meteórico dalgúns empregados da Deputación que antes foron cargos socialistas. Primeiro, porque xa o denunciamos no seu día, ao ver nos primeiros postos da bolsa de emprego de veterinarios a dous ex cargos socialistas (Sonia Verdes e o ex concelleiro socialista en Lugo Daniel Piñeiro); ao pouco tempo, Sonia Verdes colleu praza e foi nomeada como representante da Deputación para tramitar a PAC. Agora, poucos meses despois,  e tras varias prolongacións de servizo para xubilarse definitivamente do señor Fernández, agora xa teñen substituta; resulta unha auténtica “casualidade” que sexa de tanta confianza”.

Os populares temen “que a situación de provisionalidade, desta ex compañeira de Tomé no Parlamento, como directora da granxa pase a ser definitiva, como pasou nalgún outro caso que xa denunciamos”. Verdes pasou en poucos meses do nivel 20 ao 28.

Castiñeira declara: “É tremendamente sospeitoso que os dous últimos directores da granxa Gayoso Castro, que é un posto que figura na RPT con carácter técnico, non é un posto político, foran cargos socialistas en etapas anteriores. Así as cousas, non debe estrañarnos que haxa procesos denunciados nos xulgados por aspirantes que se senten infravalorados, como pode ser este caso”.

0.19137001037598