O PP traslada o seu apoio aos gandeiros en Muras defendendo o “equilibrio” entre o lobo e o sector

TerraChaXa
Os candidatos ao Congreso Francisco Conde e Jaime De Olano visitaron unha explotación de gando vacún en extensivo na localidade e logo fixeron un mitin en Vilalba
visita-explotacion-gandeira-muras
26 Nov 2026

O cabeza de lista ao Congreso, Francisco Conde, trasladou o apoio do Partido Popular aos gandeiros durante unha visita a unha explotación gandeira de vacún en extensivo no municipio de Muras na que estivo acompañado polo candidato Jaime De Olano e os portavoces do PP en Muras, Xermade e Ourol.

O candidato popular puxo en valor o sector gandeiro dende o punto de vista económico, pero tamén dende o punto de vista medioambiental. “É unha fonte de emprego, desenvolvemento económico e contribúe a fixar poboación no rural; pero tamén contribúe ao coidado do entorno natural”.

Un dos problemas que afectan actualmente á gandería en réxime extensivo é o lobo toda vez que os seus ataques causa numerosas perdas aos gandeiros e gandeiras. A provincia de Lugo rexistrou, no que vai de ano 2026, un total de 931 avisos.

Conde apostou polo “equilibrio” entre o lobo e a gandería e sinalou, nese sentido, o compromiso de rebaixar o nivel de protección da especie que permita a súa xestión toda vez que os estudos científicos avalan que o seu estado actual é favorable en Galicia.

O popular defende que “non hai que elixir entre protexer ao lobo ou á gandería, o que hai que facer é xestionar con rigor e sentido común para promover a súa convivencia. Non son incompatibles, só hai que antepoñer a técnica á ideoloxía”.

Francisco Conde lembrou que “o PP conseguiu aprobar no Congreso unha modificación da normativa para sexa de aplicación directa a Directiva Europea de Hábitats” que rebaixa o status de protección do lobo de ‘estritamente protexido’ a ‘protexido’ reforzando a seguridade xurídica. Deste xeito, “a especie continuará a estar protexida, pero será xestionable en toda Europa como vimos defendendo no Partido Popular dende 2017”, explicou.

INFORME SOBRE O LOBO

Por outra banda, o Goberno ten dilatado o envío a Bruxelas dos datos trasladados polas Comunidades Autónomos e recollidos no informe sexenal sobre o lobo ibérico que debería remitirse á Comisión Europea e que foi aprobado pola Conferencia Sectorial de Medio Ambiente o pasado mes de xuño. Nese sentido, o popular afea que “Sánchez, PSOE e BNG prioricen a súa ideoloxía por enriba da defensa dos intereses do sector gandeiro”.

Francisco Conde subliñou que “se o 29 de novembro o Partido Popular logra o apoio maioritario e o Goberno de España, enviarase o informe para a aplicación da Directiva de Hábitat”.

Conde tamén visitou as instalacións de Innogando, en Cospeito. Esta startup líder en innovación tecnolóxica ten presenza nos mercados internacionais co seu dispositivo RUMI, un smartwatch para vacas que permite o monitoreo en tempo real do comportamento dos animais desenvolto dende o rural da provincia.

Pola noite estiveron en Vilalba onde ofreceron un mitin.

0.16083002090454