O PP urxe ao Goberno da Deputación a atender as peticións veciñais sobre a renovación das estradas

TerraChaXa
“É evidente o contraste entre o abandono das estradas da Deputación en Begonte co perfecto estado das vías que son competencia do Concello”, din
pp-estradas-deputacion-begonte
26 sep 2024

Os veciños e veciñas das parroquias de Donalbai, Virís e Santalla de Pena, no municipio de Begonte, trasladáronlles aos deputados do PP -Antonio Ameijide, José Ángel Santos, Armando Castosa e Fran Balado- durante unha reunión na que estiveron acompañados polo alcalde do municipio, José Ulla, as súas queixas polo “alarmante mal estado de estradas provinciais que comunican estas parroquias begontinas”.

O pavimento das estradas LU-P-0802 (Begonte-Santalla) e LU-P-2303 (Parga-Pedrafita-Santalla) atópase “totalmente desfeito” de forma que “as estradas son unha sucesión de fochancas”.

“Esta situación supón graves riscos para a seguridade dos usuarios, ademais de provocar continuo malestar entre os veciños que usan estas vías; non só pola incomodidade, senón polos danos que provoca nos vehículos”, indica o portavoz popular, Antonio Ameijide.

Isto débese a que “fai máis de 10 anos que a Deputación de Lugo non acomete ningún tipo de actuación de mellora ou renovación. Unicamente tapan as fochancas máis grandes, pero non é suficiente. Co paso do tempo o pavimento foise desfacendo e, na actualidade, atópase nun estado totalmente intransitable”.

Os veciños e veciñas xa teñen solicitado o seu arranxo, pero “o goberno de PSOE e BNG da Deputación de Lugo fan oídos xordos”, segundo lamenta o popular.

Ameijide lembra que, “onte mesmo no pleno da Deputación, o Grupo Popular propoñía dirixir 10 millóns dos 20 millóns de euros que vén de recibir a Deputación de Lugo procedentes da liquidación definitiva da participación das entidades locais nos tributos do Estado do ano 2022 a mellorar as estradas da súa competencia, pero PSOE e BNG votaron en contra”.

Para os populares isto demostra “o pouco que lle preocupan as comunicacións das parroquias do rural e, especialmente, a seguridade dos lucenses que empregan a diario a rede viaria provincial”.

CONTRASTE ENTRE AS VÍAS PROVINCIAIS E LOCAIS

Ameijide destaca “o perfecto estado das vías que son competencia do Concello” que é froito “dunha planificación e un esforzo na xestión dos recursos por parte do alcalde e o goberno local para atender as necesidades dos seus veciños”.

“É evidente o contraste entre o abandono das estradas da Deputación en Begonte e as boas condicións das vías municipais: o firme dalgunhas delas conta xa con aglomerado en quente e noutras acometerase esa mesma mellora nos vindeiros meses”, indica.

“O que pedimos é que o goberno provincial atenda as peticións dos veciños e veciñas e acometa de forma urxente os traballos de renovación da vía para garantir a seguridade aos veciños e veciñas da zona”, conclúe Ameijide.

0.15641713142395