O presidente da Deputación convoca para o venres as comisións informativas previas ao Pleno de disolución de Suplusa
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, convocou para este venres as comisións informativas que é preceptivo celebrar antes do Pleno extraordinario no que se acordará a disolución da Sociedade Urbanística Provincial (Suplusa), unha sesión que está prevista para o día 12 de setembro. Trátase da Comisión Xeral de Asuntos do Pleno e a de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, que preside José Tomé e teñen 3 integrantes do grupo provincial do PP, 3 do PSOE e 1 do BNG.
Con este Pleno arranca o procedemento que desembocará na extinción da sociedade mercantil, un acordo recollido no pacto de Goberno e co que o Presidente dá un paso determinante cara a recuperación da tranquilidade e a normalidade institucional da Deputación, obxectivos que marcou como prioritarios na toma de posesión. Se ben Suplusa foi no seu momento unha entidade útil para a provincia, quedou desvirtuada polas disfuncións producidas nos últimos anos. De feito, a Deputación retiroulle a súa condición de medio propio en marzo de 2018, co que a día de hoxe a súa existencia carece de sentido.
A disolución de Suplusa significa tamén un avance no proceso de reestruturación, modernización e adelgazamento da Deputación, un obxectivo recollido igualmente no pacto de Goberno, que fará á Administración provincial máis eficaz e útil á cidadanía, ademais de supoñer un aforro para as arcas provinciais.
Procedemento
O procedemento para disolver a Sociedade Urbanística Provincial arranca co Pleno extraordinario do día 12 e consta de tres fases: a de disolución –que se abre agora-, a de liquidación e a de extinción definitiva da entidade e da súa personalidade xurídica. Todas elas realizaranse segundo as indicacións técnicas dos servizos provinciais implicados ao abeiro do establecido na lexislación Mercantil e de Dereito Público que resulte de aplicación.
O mesmo día 12, despois do Pleno, terá lugar unha Xunta Xeral Extraordinaria de Suplusa, solicitada por deputados e deputadas dos tres grupos políticos provinciais cunha orde do día consensuada que inclúe acordar a disolución da sociedade e a súa entrada en liquidación, así como o desistimento das accións xudiciais interpostas mutuamente (sociedade-Deputación); establecer un período de liquidación de 24 meses, que poderá ser ampliado mediante petición motivada; cesar a todas as persoas administradoras e órganos da sociedade; e designar as persoas que exercerán o cargo de liquidadores da sociedade, que serán os deputados Pilar García Porto, Mónica Freire Rancaño e José Antonio García López, co que neste proceso estarán representados tamén os tres grupos políticos da Corporación.