O programa Guitiriz en Ruta retoma a súa actividade cun percorrido pola Pontenova

O programa Guitiriz en Ruta, promovido polas Escolas Deportivas Municipais do Concello de Guitiriz, retoma a súa actividade despois do parón veraniego coa Ruta pola Pontenova, unha nova proposta de sendeirismo que terá lugar este domingo, 27 de setembro.
A iniciativa combina a Ruta das Minas coa Ruta do Ferrocarril, nun percorrido de aproximadamente 16 quilómetros e dificultade baixa, pensado para gozar da contorna e da práctica deportiva ao aire libre.
A saída está prevista para as 9:00 horas desde a praza do Campo da Feira de Guitiriz, estando previsto o regreso ao mesmo punto arredor das 19:00 horas.
Desde a organización recoméndase ás persoas participantes levar comida e bebida para picar e xantar durante a andaina, así como protección solar, gorra ou sombreiro e calzado cómodo e axeitado para camiñar. Tamén se aconsella levar bastóns, no caso das persoas que estean habituadas ao seu uso.
O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o venres 25 de setembro ás 14:00 horas. As inscricións poderán realizarse de maneira presencial ou a través do teléfono 982 370 109.
A actividade está aberta ao público en xeral, aínda que as persoas menores de idade deberán participar acompañadas dunha persoa adulta. Ao tratarse dunha ruta fóra do termo municipal de Guitiriz, a inscrición terá un custo de 5 euros para as persoas empadroadas, 10 euros para as non empadroadas e será gratuíta para menores de 14 anos.