O programa Xoves na Biblio das Pontes trae actividades para todos os públicos durante o mes de maio

A Biblioteca Municipal Enrique Rivera Rouco, co apoio do Concello das Pontes, continúa co ciclo Xoves na Biblio durante o mes de maio, con tres actividades pensadas para promover a lectura e o achegamento á cultura entre os máis pequenos e as súas familias.
O programa comezará o xoves 8 de maio ás 18:00 horas na Casa Dopeso coa actividade Globoflexia, a cargo de 2 Minds Combined, dirixida a nenos e nenas a partir dos 5 anos. As prazas son limitadas, polo que se recomenda facer reserva previa.
O segundo encontro será o xoves 15 de maio tamén ás 18:00 horas, novamente na Casa Dopeso, e levará por título Dende Rosalía ata as Cantareiras. Esta proposta da compañía A Xanela do Maxín está pensada para nenos e nenas a partir dos 3 anos e mestura contacontos e tradición oral galega para fomentar o coñecemento da nosa cultura desde as primeiras idades.
O ciclo pecharase o xoves 29 de maio ás 18:00 horas no Teatro Alovi coa representación teatral Castelao, da man de Culturactiva. Esta obra está recomendada para público infantil a partir dos 6 anos e constitúe unha homenaxe á figura do ilustre autor galego a través dunha posta en escena atractiva e didáctica.
Esta iniciativa enmárcase no programa Ler conta moito e reafirma o compromiso do Concello das Pontes coa promoción da lectura, da lingua galega e da cultura entre a cidadanía máis nova.